O CETAL actúa de mediador nun proxecto de comercialización de framboesas

O CETAL actúa de mediador nun proxecto de comercialización de framboesas

03 de Xullo, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

A Fundación do Centro Tecnolóxico Agroalimentario de Lugo (CETAL) ven de actuar como mediador para desenrolar un proxecto de produción e comercialización de framboesas de dúas empresas lucenses, Pazo Vilane e Caurelor. Esta institución puxo en contacto a estas dúas firmas para introducir no mercado un produto elaborado de xeito artesanal.

A compañía Pazo Vilane conta con 4 hectáreas de framboesas cultivadas, que aportan unha produción de, aproximadamente, 20 toneladas. A súa intención é comercializar este froito, pero elaborado. Desde a empresa entraron en contacto co CETAL para que lle xestionase a maneira de poder levar adiante o proxecto. O persoal técnico da Fundación, tras un período de estudo, determinou que a mellor opción era a firma Caurelor, Produtos Artesanais do Courel, que transforman de forma tradicional alimentos como castañas, ou arándonos, entre outros.

 

 

A sede do CETAL foi o espazo elixido para unha xuntanza onde se definiron as posicións de ambas as dúas compañías, chegando á decisión de que Caurelor se encargue da transformación artesanal das framboesas producidas por Pazo Vilane, para que despois esta última as comercialice baixo o seu selo distintivo.

 

“O papel do CETAL, neste como noutros moitos casos, é cooperar coas industrias e empresas agroalimentarias da provincia de Lugo e mesmo de toda Galicia, prestándolles asesoramento e facilitándolles o contacto cos medios técnicos e persoal apropiados para solucionar os seus problemas ou para conseguir os seus obxectivos”, asegurou o director xeral do ente, Eduardo Vidal Baamonde.

 

Para Vidal, “as necesidades de Pazo Vilane pasaban por conseguir unha empresa dotada co equipamento, instalacións e medios cos que transformar a materia prima, neste caso as súas framboesas, nun produto para consumo e comercialización e por iso se pensou en Caurelor”.   

 

Dentro dos cometidos principais do CETAL, segundo explicou o director xeral do centro, “está a prestación de servizos tecnolóxicos ás empresas; isto lle obriga a actuar coma ponte natural entre as compañías e os sistemas de Ciencia e Tecnoloxía da súa área de influencia e do resto de España”.

 

Eduardo Vidal Baamonde tamén ofreceu aos participantes neste encontro unha colaboración no ámbito de I+D+i, na posta en marcha de novos proxectos innovadores ou a circulación de novos produtos no mercado, en caso de que ditas empresas non sexan quen de desenvolvelos por si solas. Novamente, o CETAL servirá así de “mediador e potenciador das empresas agroalimentarias lucenses e galegas”, dixo Baamonde.

Sociedade