O Concello de Fene despide a primavera cunha festa interxeracional

O Concello de Fene despide a primavera cunha festa interxeracional

15 de Xuño, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O vindeiro domingo celébrase nas instalacións do Círculo Mercantil e Industrial Unidade de Fene a III Xornada de Convivencia Interxeracional. O encontro, organizado polo Departamento de Servizos Sociais, pretende reunir ese día a maiores e pequenos do concello e facelos partícipes dun completo programa de actividades que incluirá actuacións musicais e de baile, demostracións de capoeira, xogos acuáticos e populares, obradoiros e exposició

Tres son os obxectivos que se perseguen coa celebración da terceira Xornada de Convivencia Interxeracional. Segundo a responsable municipal do Programa de Envellecemento Activo, María Xosé Paz, “trátase de reunir a persoas de diferentes idades nun encontro de carácter lúdico-festivo, recuperar o xeito de relacionarse propio das romerías e amosar á poboación o traballo das distintas entidades e colectivo que traballan no concello”.

O programa de actividades arrincará o vindeiro domingo ao redor das doce e media da mañá. Ao longo da xornada sucederanse distintas actuacións musicais a cargo da rondalla Estrelecer, das cantareiras de San Paio, do grupo de baile Bolboretas e dos grupos xuvenís Fenéticos e Arredemo. Tamén anunciou María Xosé Paz unha demostración de ioga, xogos tradicionais coa asociación Xomatru e capoeira co grupo Muzenza. O apartado lúdico-deportivo completarase con xogos acuáticos, natación sincronizada e xogos populares en familia. Tamén haberá obradoiros de chapas, pintura, coiro, cestería, velas, globoflexia, maquillaxe e construcción de xogos con material de refugallo. O programa completarase cunha exposición de envellecemento satisfactorio e outra de artigos de encadernación, así como un concurso de repostería.

As persoas que o desexen poderán levar o xantar para comer no recinto do CMI Unidade de Fene ou encargalo na cafetería da sociedade. O Concello, pola súa parte, repartirá entre os presentes racións de empanada e bola doce.

Sociedade