O Concello de Ordes bota unha man aos familiares de enfermos mentais

O Concello de Ordes bota unha man aos familiares de enfermos mentais

11 de Febreiro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Ordes

Baixo o título “Coñecemento da enfermidade mental e pautas para os familiares”, o Concello de Ordes, a través da concellería da Discapacidade que dirixe a concelleira Silvia Marín, e a Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia (FEAFES Galicia), organizan un curso de formación para familiares de enfermos mentais.

Búscase explicar aos familiares as pautas de comportamento a ter en conta cos enfermos, así como as distintas técnicas e habilidades para axudar na mellora da calidade de vida destes doentes e os seus familiares.Os contidos irán dende a formación básica que posibilite o recoñecemento temperá da enfermidade, ata a abordaxe de pautas de actuación ou o manexo do estrés familiar e o alivio da carga asistencial. Os encargados de impartir o curso serán profesionais da FEAFES- Galicia.

 

O curso, gratuíto, celebrarase en seis sesións que terán lugar seis martes consecutivos de 19 a 20:30 horas a partir do vindeiro 2 de marzo ata o 6 de abril.O Concello de Ordes ten aberto o prazo de inscrición ata o próximo 19 de febreiro para todos aqueles que estean interesados en participar e que conten alomenos cun enfermo mental grave dentro do seu núcleo familiar. As inscricións poden realizarse na Oficina Integral de Discapacidade situada na planta baixa da Casa do Concello, de luns a venres en horario de mañá. 

A Concelleira de Discapacidade, Silvia Marín, explicou que “con esta iniciativa dáse unha ferramenta máis aos familiares deste tipo de enfermos para entender e poder levar da mellor maneira posible esta enfermidade, tendo en conta que son eles os verdadeiros coidadores e os que teñen que convivir cos enfermos a diario. Trátase dunha das discapacidades máis invisible, invalidante e máis grave, polo que necesita tamén dunha especial atención tanto para os enfermos como para os familiares que en ocasións se sinten desbordados pola situación”. 

 

Datos da FEAFES Galicia indican que arredor dun 2,5% da poboación padece algún tipo de enfermidade mental grave, o que fai que a Oficina Integral da Discapacidade do Concello de Ordes estime en arredor de 300 os enfermos deste tipo dentro do municipio. Unha cifra considerable que dá fe da importancia da realización deste curso en Ordes.        

Sociedade