O desexo non sabe de obrigas

O desexo non sabe de obrigas

21 de Outubro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

A obligatoriedade na sexualidade atópase implícita en todas as manifestacións sexuais.  Todas estas obrigas están directamente relacionadas coas expectativas que homes e mulleres temos de antemán ante a nosa sexualidade.  Existen unha serie de cánones que socialmente se estipulan como correctos, obviando en todo momento o desexo real das persoas.

O desexo, aquilo que realmente queremos, queda en moitas ocasións oculto tras obrigas sociais tales como ter que ter necesariamente orgasmos, responsabilidades de cubrir as necesidades do outro ou da outra ou a obrigatoriedade de manter prácticas coitais. Tamén se nos impón exacular e facelo dentro duns tempos, levar á nosa parella ou amante ao clímax ou manter por norma relacións heterosexuais. Todas aquelas concepcións sociais da correcta sexualidade. 

Estas obrigas fannos preguntarnos en qué lugar queda entón o desexo de cada individuo. Cómo comezamos a vivir a sexualidade dende aquelo que realmente nos apetece.   

A sexualidade baseada nos nosos desexos implica un compromiso comunicativo importante.  Para impoñernos ante as obrigas, será preciso que comecemos a comunicar os nosos desexos. Amais a través da nosa erótica, afondando en todo o abano de posibilidades que a sexualidade nos ofrece na búsqueda do pracer.  Malia todo a negociación non é sempre doada. 

O desexo é un espazo de negociación, todo se pode negociar dentro da parella (e nos tríos), a primeira vez  que coñecemos a alguén estamos fantásticos e fantásticas, e negociamos case sen darnos de conta. Co tempo os límites son mais ríxidos e as negociación son  máis formais.

En negociar está a clave, de forma que a veces cederemos e outras veces nos cederán, calibrando estas contas dentro dun correcto equilibrio.  Ante o desexo dunha parte, vale calquera cousa, excepto unha obriga.

Sociedade