O escocés Alasdair Fraser, en Narón

O escocés Alasdair Fraser, en Narón

15 de Novembro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

A mellor música escocesa chegará a vindeira semana a Galicia. Alasdair Fraser, o máis recoñecido violinista de Escocia e unha referencia do folk celta, presenta o seu dúo coa violonchelista Natalie Haas, coa que vén de publicar o disco In the Moment. O dúo actúa o mércores 24 ás 20:30 horas no Auditorio Municipal de Narón.

Alasdair Fraser e Natalie Haas presentan unha proposta de música celta en diálogos virtuosos e delicados entre violín e violonchelo. Desde o ano 2007 comparten escenarios en xiras por Europa e América. Xuntos son capaces de explorar ao mesmo tempo o son máis tradicional e os novos camiños da fusión entre os seus instrumentos, nunha proposta absolutamente exquisita. “O violonchelo foi sempre o corazón rítmico da música popular escocesa”, di Fraser, “e Natalie Haas é a compañeira perfecta: complementámonos, mergullámonos no territorio do outro, sentimos e vibramos xuntos. Liberamos o cello da súa atadura orquestral, para deixar que o seu ritmo se exprese xunto á melodía do violín”.

O resultado está a ser aclamado en recitais e festivais de todo o mundo: a música tradicional escocesa contaxia máis enerxía que nunca.

O concerto conta coa colaboración do Concello de Narón. As entradas custan 15 euros e póñense á venda no despacho de billetes do Auditorio desde unha hora antes. Poden reservarse entradas chamando ao 981 102 897, de 11:00 a 13:30 e de 18:00 a 20:00 h.

Alasdair Fraser

Alasdair Fraser naceu en Clackmannan (Escocia) e empezou a tocar o violín aos 8 anos. Licenciado en Física, abandonou a profesión de petrofísico en 1985 para dedicarse plenamente á música. En pouco tempo obtivo recoñecemento internacional como principal intérprete e profesor da rica tradición violinística de Escocia. Sinalado nalgunha ocasión como o “Michael Jordan do violín escocés”, Fraser é soado polo seu toque expresivo, a súa afable personalidade e a súa profunda comprensión da música do seu país.

Traballou en solitario, en dúos e con grupos tan variados como a Master Chorale de Los Angeles, os Waterboys ou os Chieftains, ademais de compartir unha actuación como solista no Lincoln Center de Nova York co violinista clásico Itzhak Perlman. Cunha ampla discografía, moitos dos seus éxitos formaron parte dos principais recompilatorios de música celta. O seu violín pode oírse nas bandas sonoras de películas como Titanic, O último mohicano e Wyatt Earp. 

Natalie Haas

En 2004 Alasdair Fraser presentou un novo dúo xunto á violonchelista Natalie Haas, coa que publicou o brillante álbum Fire and Grace e dous volumes do Legacy of the Scottish Fiddle. Natalie é unha nova intérprete e profesora de chelo, nacida en California e graduada no Juilliard School. En pouco tempo gañou un gran prestixio co seu Appalachia Waltz Trio, os seus dúos con Alasdair Fraser e as súas colaboracións con artistas como Hanneke Cassel, Patsy Reid ou Mikel Laboa.

Sociedade