O Festival do Río Castro abre un ano máis a quenda de festivais musicais na comarca

O Festival do Río Castro abre un ano máis a quenda de festivais musicais na comarca

09 de Xullo, 2012 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O festival do Río Castro non é un festival calquera, segundo a presidenta da asociación O Castelo, Almudena Vega, e os parroquianos de Narahío.

O Festival do Río Castro celebróuse este sábado na parroquia de Narahío, en San Sadurniño. A dezanove edición dun evento que naceu co obxectivo de chamar a atención ante a contaminación que sufría este río afluente do Xubia, e que unha vez solucionada a situación ambiental segue como un dos festivais máis esperados do verán na comarca.

O Río Castro non é coma outros festivais musicais que se celebran noutras partes de Galicia. Como destacan a súa presidenta, Almudena Vega, e outros asistentes cos que falamos, o de Narahío diferénciase en que non ten un público pechado, senón que atrae xente de todas as idades. Familias enteiras e grupos de amigos  veñen pasar o día de festa e a gozar da música e das distintas actividades. É habitual o encontro de amigos e coñecidos que non se ven a miúdo, pero se atopan cada ano a carón do Río Castro.

Outra das cousas a destacar do festival e o seu compromiso coas tradicións. Tal e como nos conta Almudena, á hora de contactar cos grupos, a elección final  é a música galega. Diferentes estilos, tradicionais e modernos, pero co denominador común do galego de fondo. Ademáis da música, a celebración de xogos tradicionais é outro dos puntos fortes do evento. Algúns moi populares, como o tiro da corda ou o pano, e outros menos coñecidos como o serrado de tronzados.

O festival do Río Castro, que se celebra cada comezo do mes de Xullo no lugar da Bola en Narahío, abre boca dos festivais estivais que se celebran na comarca, e que seguen co Festival Internacional do Mundo Celta, que se celebra no concello de Ortigueira a vindeira fin de semana.

Cultura