O ilustrador Felipe Ugalde vive Un gran soño en Santiago

O ilustrador Felipe Ugalde vive Un gran soño en Santiago

22 de Outubro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por

O autor e ilustrador Felipe Ugalde (México, 1962) recolleu en Santiago o II Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado, cunha dotación económica de 12.000 euros, pola obra titulada Un gran soño. Ugalde tamén mantivo un encontro con alumnos e alumnas de Bacharelato Artístico do IES de Sar, cos que compartiu a súa experiencia na creación deste traballo.

Un gran soño foi un dos 280 proxectos procedentes de 22 países que optaban ao certame, organizado polo Departamento de Educación do Concello de Santiago e Kalandraka Editora. Ao acto institucional, encabezado polo alcalde, Xosé Sanchez Bugallo, asistiron a concelleira de Educación, Mercedes Rosón, o director de Kalandraka, Xosé Ballesteros, o ilustrador e xurado do Premio, Xosé Cobas, membros da Corporación Municipal de Santiago e personalidades vinculadas á cultura e a docencia en Galicia.

Para esta obra evocadora da mitoloxía maia, o universo e o Camiño de Santiago, a portada incorpora elementos fosforescentes que brillan na escuridade e os lectores infantís poden xogar a crear constelacións coas estrelas adhesivas que inclúe o libro nunha lámina anexa.

O II Premio Internacional Compostela destaca pola súa riqueza visual, a perfección técnica e o calado da súa mensaxe, alcanzable para todos os públicos. A edición completa consta de 20.000 exemplares en sete linguas: castelán, galego, catalán, eúscaro, portugués, inglés e italiano, ás que se suma unha oitava versión en español para o mercado mexicano.

Cultura