O legado e o pensamento de Ramón Piñeiro, a debate

O legado e o pensamento de Ramón Piñeiro, a debate

14 de Novembro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Monforte

Do 18 ao 20 de novembro, o Consello da Cultura Galega acollerá o congreso “Ramón Piñeiro e Galeguismo”, coordinado por Francisco Díaz Fierros, académico e vicepresidente primeiro do CCG, e organizado pola Real Academia Galega co patrocinio da Consellería de Cultura e Turismo. O programa salienta a acción e o legado de Ramón Piñeiro (1915-1990) no pensamento a cultura e a política, baixo o signo do seu desinteresado labor

A sesión inaugural será  o mércores día 18 ás 10 no salón de actos do CCG e contará  coas intervencións de: Xosé Ramón Barreiro Fernández, presidente da Real Academia Galega; Ramón Villares, presidente do CCG; Francisco Díaz Fierros, coordinador do congreso, e Roberto Varela Fariña, conselleiro de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia.Deseguido, e no capítulo do Pensamento, comezarán os relatorios con Antón Santamarina (Lingua e Filoloxía); Andrés Torres Queiruga (Filosofía); Ramón Maiz (Idea de Galicia) e Xesús Alonso Montero (Piñeiro e o marxismo).

As reflexións e o coloquio sobre Ramón Piñeiro e a Cultura, serán o tema do xoves, 19 cos relatorios de: Henrique Monteagudo (O concepto de cultura en Piñeiro); Victor Freixanes (O labor editorial); Ramón Villares (Relacións culturais co exterior). Pola tarde haberá un debate coordinado por Basilio Losada e no que participarán: Marina Mayoral, Xavier Carro e Siro López. O venres día 20 estará  dedicado ao espazo da política e contará coas contribucións de: Xosé Manoel Núñez Seixas (A posguerra); Miguel Barros (Resistencia cultural); Xavier Castro (Relacións co exilio); Xosé Manuel  da Silva (Proceso e cadea de Ramón Piñeiro: testemuños e documentos inéditos) e Xosé Ramón Quintana(A Transición).

O congreso rematará cun debate moderado por Xerardo Fernández Albor, primeiro Presidente da Xunta de Galicia, no que intervirán: Camilo Nogueira, Benxamín Casal, Alfredo Conde e Xosé Luís Meilán Gil.O congreso cerrará os actos que viñeron celebrándose arredor da figura e do legado de Ramón Piñeiro, nun ano no que a Real Academia Galega lle dedicou o “Día das Letras Galegas”.

Cultura