O lume continua nas fragas do Eume

O lume continua nas fragas do Eume

01 de Abril, 2012 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

55 militares da Unidade de Emerxencias sumáronse á extinción do incendio das fragas do Eume. Unhas 200 persoas continuan sen poder volver ás súas casas. A fronte da Capela foi xa controlada, pero as lapas avanzan esta mañá na zona de Monfero. Segundo o alcalde da Capela Manuel Meizoso, o lume afectou a máis de 2.000 hectáreas do bosco atlántico, no que xa se define como gran catástrofe ecolóxica.

O incendio forestal que pasadas as 15.00 horas do sábado comezou na localidade coruñesa da Capela, na contorna das Fragas do Eume, obrigou a desaloxar varias vivendas e o mosteiro de Caaveiro, no que se atopaban varios turistas. Ademais, segundo as estimacións de Medio Rural, calcinou unhas 200 hectáreas no "corazón" deste parque natural.

   Ademais, segundo fontes consultadas por Europa Press, o lume saltou o río Eume, que dá nome a esta comarca do norte da provincia da Coruña limítrofe coa de Lugo, e as chamas afectan tamén aos municipios de Monfero, Cabanas e As Pontes.    

   Varias vivendas da contorna das Fragas do Eume, no municipio da Capela, foron desaloxadas debido ao gran incendio forestal, así como tamén tivo que ser evacuado o mosteiro de Caaveiro.

   En total, segundo confirmou o alcalde da Capela, Manuel Meizoso, pode haber entre 200 e 300 afectadas polos desaloxos, que fundamentalmente, se deben ao fume que provocan as chamas deste incendio.

   Pola súa banda, o rexedor do Concello das Pontes, Valentín González Formoso, advertiu que o incendio "é inmenso" e se atopa "a escasos cen metros das casas".

DECRETADO O NIVEL UNO

Ademais, segue decretado o nivel 1 de alerta, como medida preventiva, segundo informou Medio Rural.

   Na extinción deste incendio, que se afecta aos lugares da Teixeira, O Coto e A Ribeira, segundo indicaron fontes municipais a Europa Press, traballan un técnico, catro axentes forestais, cinco brigadas, catro motobombas, dúas pas, cinco helicópteros e catro avións. Ademais, tamén foi solicitada a incorporación de efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Sociedade