O médico Don Cirilo terá a sua praciña en Redes

O médico Don Cirilo terá a sua praciña en Redes

12 de Agosto, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O que fora médico rural, coñecido como Don Cirilo- Cirilo de Mendiola crespo-  terá dende mañá sábado unha das prazas da vila de Redes-A Coruña, lugar no que exercía a súa profesión e na que moitos veciños e veciñas, propuxeron á alcaldía poñer o nome do médico a ese espacio.

O acto terá lugar mañá sábado ás sete da tarde e contará coa presenza da corporación municipal, veciños e familiares de Don Cirilo. Denominaráse: “Praciña de Don Cirilo” e na placa levará a frase: “Aos bos e xenerosos”, como todas as placas que está a adicar o Concello de Ares nestes últimos anos ás persoas máis destacadas e queridas do municipio ou vencelladas dalgún xeito ao mesmo. A praza ubícase fronte ao forno, xunto ás rúas do Medio, de Abaixo e Gaspar Rodríguez.

Don Cirilo, chegou das Américas a principios do século XX, andaba polos rueiros das parroquias de Ares e Mugardos traballando a reo, sempre ao lado dos pobres –aos que atendía e non cobraba-. Grazas a el salváronse moitas vidas na epidemia de 1918. Agora os veciños de Redes queren rendir homenaxe a este tan querido e recordado médico xeral.   

Orixes

Naceu en Villa María, na provincia de Córdoba da República Arxentina o ano 1892. Fillo de vasco-alavés, Cirilo Pérez de Mendiola Infante, e de galega cambadesa María Crespo de Soto, casados na emigración e pais de tres fillos máis: outro varón médico, que estudou tamén en Compostela como seu irmán Cirilo, e finou na súa vila natal na que cumpriu o seu oficio mailo de alcalde perpetuo. As dúas fillas finaron en Vilagarcía de Arousa.
 

Sociedade