O minifestival Viva a Música sen Fronteiras inaugurará a Sala Túnel do Coliseum

O minifestival Viva a Música sen Fronteiras inaugurará a Sala Túnel do Coliseum

31 de Marzo, 2010 - 12:00 h. | Publicada por

A música reggae será protagonista na cidade da Coruña o vindeiro 16 de abril. A asociación cultural Negus, a mesma que organiza cada ano o concurso galego de reggae, organiza un minifestival encabezado co nome de “Viva a música sen Fronteiras", que traerá aos grupos galegos Bush Doctors e Chotokoeu, e a United Flavour desde a República Checa.

A idea xorde dos representantes da asociación Negus, desde a que están a facer un importante traballo de promoción e apoio do xénero reggae no país. "Viva a música sen Fronteiras" servirá ademais para inaugurar a nova sala do Coliseum da Coruña, a sala "O Túnel". Desde a organización aseguran que será un espectáculo divertido e destacan a calidade do cartel, conformado por dous grandes da escea galega deste tipo de música: os Bush Doctors e os Chotokoeu, e os checos United Flavour, unha das bandas máis aclamadas dentro do xénero.

Desde Negus organizan ademais, cada ano, un concurso galego de reggae; un certame para bandas noveis non profesionais co que colaboran os Concellos de Culleredo e A Coruña, A Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia. O 1 de maio remata o prazo de inscrición para esta sexta edición que comezaba en febreiro, e o premio consistirá en representar a Galicia en distintos festivais, como a décima edición do X Foundation Reggae Festival 2010, e o European Reggae Contest Spain a celebrarse no Rototom Sunsplash (Benicassim).

As entradas para o "Viva a Música sen Fronteiras" poden adquirirse na billeteira da Praza de Ourense (A Coruña), e na web de Caixanova, por un prezo de 12 € se é anticipada e de 15 na billeteira.

Cultura