O pesadelo de Darwin no ciclo de cine ambiental

O pesadelo de Darwin no ciclo de cine ambiental

19 de Xaneiro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Ordes

O Concello de Ordes segue a traballar no Ciclo de Cine Ambiental posto en marcha o pasado mes de decembro e que está dirixido aos centros de ensinanza do municipio. En concreto a iniciativa consiste en que o Concello pon a disposición dos centros educativos de Ordes unha serie de documentais que poden solicitar e proxectar nas súas instalacións.

Para o próximo mes de febreiro os centros educativos xa poden facer a súa solicitude, estando dispoñibles os documentais “La pesadilla de Darwin”, “Manual de uso para una nave espacial” e “Planeta Blanco”. O IES Nº1 de Ordes é un dos participantes nesta iniciativa tendo á súa disposición neste momento os documentais “La espalda del mundo” “La hora 11” e “Tierra” para proxectar aos seus alumnos.

Segundo palabras do concelleiro de Medio Ambiente, Xesús Pedreira, “O programa de ciclo ambiental que ofertamos dende a Concellería de Medio Ambiente pretende ser unha ferramenta pedagóxica de enorme eficacia para chegar fácilmente ao público, transmitir mensaxes de divulgación científica e ambiental e ofrecer unha oportunidade de reflexión sobre a corresponsabilidade de cada un de nós na adopción de conductas sostibles para a conservación do noso patrimonio natural”. Esta iniciativa que organiza o Concello de Ordes, conta tamén coa colaboración do Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA), quen facilita os dvd´s dos documentais ao Concello.

Sociedade