O Plan Reitor de Turismo da Terra Chá define as súas potencialidades

O Plan Reitor de Turismo da Terra Chá define as súas potencialidades

15 de Marzo, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

O alcalde de Castro de Rei, Juan José Díaz Valiño, foi o encargado de abrir a xornada agradecendo o esforzo dos alcaldes da comarca para levar adiante este Plan e pediu á cidadanía e á iniciativa privada traballo para que sexa unha realidade. “Quero facer unha mención especial para os alcaldes da Comarca polo seu esforzo para poñer en valor o patrimonio da Terra Chá, pero tamén á cidadanía lle pido que traballen para acadar este obxectivo. Os poderes públicos poden desbrozar o camiño, pero a empresa privada tamén ten que axudar para mellorar o noso sector turístico”, dixo Valiño.

 

O edil chairego afirmo que este paso era “a base do éxito”, e que na “diversificación de oportunidades e na proxección  cara ao exterior está a clave para poder saír da crise e posicionarnos como unha zona importante a nivel turístico”.

 

A continuación tomou a palabra o presidente do GDR, David Díaz, quen fixo un chamamento á veciñanza da bisbarra para “contribuír ao desenrolo do sector e ser uns bos embaixadores que permitan que o número de visitantes puidese aumentar”.

 

Xa na quenda de relatorios, o primeiro en comparecer foi Josep Cerveró. O ex responsable de turismo catalán anunciou que o mes de abril será o momento da presentación do Plan Reitor de Turismo, para centrar as reunións de traballo en maio para que poida ser unha realidade na campaña de verán.

 

Dentro da súa análise, Cerveró puxo especial énfase nos principais recursos chairegos, xa que situou ao Camiño de Santiago, á Lagoa de Cospeito, a gastronomía da zona, a Reserva da Biosfera, o Parque Eólico Experimental Sotavento o Patrimonio Cultural ou ao Termalismo como os elementos mais destacados para atraer e consolidar novos visitantes. Ademais, outros atractivos que poden ser un marco diferencial en favor da bisbarra con respecto a outras zonas de España poden ser o bo trato e a calidade de vida, a seguridade, o bo clima de verán, xa que non hai as temperaturas tan altas como noutras áreas do país, a natureza, a variedade de recursos turísticas, ou a propia ubicación céntrica e ben comunicada.

 

Ademais, outros factores que poderían xogar a favor da Terra Chá serían os prezos competitivos, os técnicos turísticos moi ben preparados, e a vontade política e empresarial para o desenrolo político.

 

Os colectivos aos que podería dirixirse esta nova oferta será o turismo da 3ª idade, os xubilados de colectivos de alto poder adquisitivo, funcionarios, profesores, os peregrinos do Camiño de Santiago e a poboación local da comarca.

 

Internet como ferramenta central de promoción

 

A rede será o principal espazo de promoción da comarca e para elo presentáronse dous proxectos de páxinas Web para exportar o coñecemento fóra da Terra Chá. A primeira delas, elaborada por dúas alumnas do Obradoiro de Emprego da Deputación de Lugo, Keina González e Noelia Pérez, está marcada pola sinxeleza e a practicidade á hora de navegar por ela. A prioridade desta plataforma estaría na información sobre rutas, aloxamentos e establecementos hostaleiros, a venta de produtos propios e a presenza nas redes sociais.

 

A segunda delas era un proxecto xa coñecido. “A Terra Chá a golpe de clic” presentado polo director da empresa Ittecno, Ramón Fernández Regueiro, explicou a súa plataforma para internet e telefonía móbil, que, a través dun buscador que agrupa a información en función das diferentes rutas que se poden facer con relación ás diferentes posibilidades que ofrece a comarca. Estas rutas pódense descargar posteriormente nos teléfonos, PDAs ou mesmo aos GPS.

 

Outra das partes que ten esta Web son tres blogs creados por tres periodistas que amosan aquelas rutas e accións mais chamativas que se poden facer nas diferentes bisbarras andaluzas. O número de visitas destas bitácoras é oscila entre as 12.000 da mais visitada á 7.000 do que menos. Tamén conta con presenza nas redes sociais, como Twitter, Twenti ou Facebook.

 

Segundo adiantou Fernández Regueiro, a ferramenta que se fará para a Terra Chá limitará a súa acción a todo aquilo que marque o Plan Director de Turismo, pero cun esquema similar ao levado a cabo en Andalucía, onde puxeron en marcha a páxina “Onda Rural”, para un GDR que integraba a 24 concellos. Así, potenciaranse os aspectos mais destacables da comarca, tanto a través de información na web, como de blogs profesionais ou mediante un espazo de intercambio entre internautas.

Sociedade