O pleno extraordinario de Meira debaterá a redenominación das rúas do Concello

O pleno extraordinario de Meira debaterá a redenominación das rúas do Concello

13 de Abril, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

A corporación de Meira, a instancias do Partido Popular, celebrará hoxe un pleno extraordinario onde se debaterán a redenominación das rúas do concello, as quendas de palabra nos plenos, a representación dos partidos nas mesas de contratación do Fondo Estatal para o Emprego e a Sostibilidade Local (FEESL) ou a situación do bar Centro.

A petición do PP meirego formalizouse o pasado 11 de marzo ante a negativa da alcaldía de convocar os plenos ordinarios coa periodicidade acordada, cada dous meses. A intención dos populares é que se traten varias iniciativas. A primeira estaría relacionada coas quendas de intervención dos concelleiros, xa que buscan que todos os edís poidan ter dereito a voz no transcurso das sesións e non como ata o momento, no que o uso da palabra se restrinxe aos voceiros.

Tamén se tratará unha iniciativa relativa a redenominación das rúas do concello, na que se propón que o cambio de nome das rúas se decida por consenso, tendo en conta a opinión da veciñanza da vila. Outra cuestión enriba da mesa será que todos os partidos con representación na corporación conten cun representante nas mesas de contratación na xestión do FEESL e no plan de cooperación.

A situación do bar Centro será outro dos temas a discutir polos grupos políticos da capital comarcal. Os populares propoñen que a súa concesión se saque a concurso no prazo máximo dun mes. Tamén queren que se desbloquee a situación do antigo muíño de Pedreira, para o que propoñen que se convoque con urxencia a un representante de cada grupo político con representación na corporación para que redacten as bases que permitan sacar a concurso a súa concesión.

Os representantes do Partido Popular tamén formularán varias preguntas ao alcalde, con relación, principalmente ás actuacións levadas a cabo polo Concello para asegurar a boa cobertura da TDT en todo o municipio, así como para clarificar as iniciativas postas en marcha para favorecer o uso das novas tecnoloxías.

Sociedade