O PSOE de Fene anuncia os cambios no equipo de goberno trala ruptura do pacto co BNG

O PSOE de Fene anuncia os cambios no equipo de goberno trala ruptura do pacto co BNG

02 de Xullo, 2009 - 12:00 h. | Publicada por

A reorganización non implicará diferenzas nas competencias que ate o de agora detentaban os sete concelleiros-as do PSOE senón, únicamente, unha redistribución das áreas delegadas aos edís do BNG. Como novidade ademais, crearanse dúas "divisións" no departamento de Servizos e Mantemento, que pasarán a dependender das concellerías de Medio Ambiente e Persoal e Emprego, respectivamente.

O concelleiro de Obras, Jose Antonio López, será o novo responsable de Servizos e Mantemento no Concello de Fene, unha área que dirixía ate o de agora a edil do BNG, Inés Roca, e que ademais foi obxecto de controversia entre ámbalas dúas formacións políticas. Pola súa complexidade, e froito da reorganización prevista trala ruptura do pacto de goberno, o alcalde Iván Puentes anunciou este mediodía en rolda de prensa que se crearán dúas "divisións" para atender, por un lado, a todo o relativo coa xardinería e, por outro, ao persoal desta área.

Carmen Silvar, concelleira de Xuventude, Ocio e Deportes, asume dende hoxe a responsabilidade de Cultura e Ensino, e Rocío Rey, edil de Participación Cidadá, a de Benestar e Igualdade. Pola súa banda, o actual responsable de Organización e Emprego no Concello de Fene, Juan Manuel Lourido, asume a competencia de Seguridade Cidadá, co que conleva de xestión da Policía Local, Protección Civil e Tráfico. Non haberá delegación da concellería de Promoción Económica. Segundo anunciou Iván Puentes, todo o relativo ao Polígono Industrial de Vilar do Colo e ao Turismo quedará en mans do propio Alcalde de Fene.

Tamén se informou este mediodía sobre a nova composición da Xunta de Goberno Local, á que se incorporan os concelleiros Carmen Silvar e Manuel Ángel Rodríguez Carballeira como 3º e 4º Tenente de Alcalde, respectivamente. O edil Jose Antonio López quedará como 1º e Juan Manuel Lourido como 2º Tenente de Alcalde.

En palabras do primeiro rexedor de Fene, Iván Puentes, o sentir do grupo municipal do Partido Socialista fronte a esta nova etapa que comeza "é de total optimismo" e de vontade de colaboración e de diálogo coas restantes formacións políticas do concello.

Sociedade