O ronsel de luz de Kukas

O ronsel de luz de Kukas

10 de Novembro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Neria

O centro social de Boiro, acolle ata o día 30 de novembro, a Colección Mambruños, obra de Marcelino de Santiago Viquera, Kukas. Unha selección de 13 pinturas ao óleo e acrílico compoñen esta mostra, que brilla polo seu colorido e polas formas cheas de movemento. Destacan os cadros dos bailaríns, os das chalanas e tamén unha serie na que toman protagonismo elementos da natureza, como o millo ou as xunqueiras.

Kukas relata, a propósito da exposición, que de cativo viviu «nunha Galicia gris que o meu maxín convertía nun paraíso cheo de color cando xogaba cos mambruños, pequenos cartóns cheos de imaxes». Kukas fixo a súa primeira exposición aos 13 anos, e desde entón empregou todo tipo de técnicas e formas de expresión artística.

Ademais, desde hai máis de trinta anos dirixe a primeira compañía de teatro de monicreques galega contemporánea, Os Monicreques de Kukas, coa que ten levado as marionetas galegas desde Compostela ata países como Brasil, Grecia ou Xapón.

Cultura