O sector da cooperación internacional debate en Ourense como afrontar a crise

O sector da cooperación internacional debate en Ourense como afrontar a crise

24 de Xuño, 2009 - 12:00 h. | Publicada por

Os concellos galegos destinan á cooperación internacional unha cifra 15 veces menor ao 0,7% do seu orzamento. A actual crise provoca que as contas municipais enfraquezan e, consecuentemente, as partidas que se destinarán o vindeiro ano a esta cuestión serán menores en termos absolutos. O obxectivo do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade é que as contías non se reduzan tamén en termos relativos e que, como mínimo, se manteña

Baixo o título de Cooperar en tempos de crise, celébranse este sábado as V Xornadas Anuais de Cooperación. Trátase dunha iniciativa do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, que agrupa os recursos económicos que un cento de concellos e as catro deputacións dedican á solidariedade internacional. A cita está concibida como un foro de debate especializado ao que asisten representantes de todos os axentes implicados no sector.

Tal como se pon de manifesto no propio título, un dos obxectivos principais das xornadas é fixar a axenda presente e futura da cooperación en Galicia, tendo en conta a actual crise económica e como esta pode afectar á soliedariedade internacional. O vicedirector do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI), Anxelo González, argumentou en Radiofusión que as Adminsitracións deben ser conscientes de que a cooperación non é só unha cuestión de xustiza, senón que probreza dos países en vías de desenvolvemento nos afecta de maneira directa, como proban as deslocalizacións empresariais ou os movementos migratorios masivos.

A través de diferentes mesas redondas, no evento debaterase arredor doutros asuntos como a visibilidade da cooperación, o tamaño das asociacións ou a calidade dos proxectos. As xornadas celebraranse este sábado día 27 no Centro Cultural da Deputación de Ourense, organizadas polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e co patrocinio da institución provincial ourensá e do Concello de Allariz.

Sociedade