O sedentarismo pasará factura

O sedentarismo pasará factura
22 de Abril, 2020 - 10:38 h. | Publicada por Radio Fene

Cervicais e contracturas en xeral van ser as raíñas da post-alarma sanitaria. Recomenda a fisioterapeuta Susan Sampil que a xente maior se mova o máis que poda, erguéndose uns minutos cada hora e tomando o aire para capturar a necesaria vitamina D.

ESCOITA O PODCAST:

A fisioterapeuta Susana Sampil non se aburre. Está ocupadísima en pleno confinamento, segundo confesou a Radio Fene esta mañá. E iso que a súa clínica permanece pechada desde o 20 de marzo, dia no que un decreto da Xunta de Galicia respondeu á demanda da maioría destes profesionais de pechar pola seguridade dos pacientes e dos propios profesionais, que ademais non contaban con medidas de protección adecuadas. Tampouco funcionan as urxencias na maioría destes centros.

Os nosos corpos
As consecuencias físicas deste confinamento tamén teñen orixe emocional. O sedentarismo pasará factura en forma de contracturas, rixidez nas articulacións, lumbalxias pero tamén no sistema cardiovascular,  a glucosa e colesterol estarán polas nubes. A xente maior, sinala Susana Sampil, é a máis vulnerable tamén para isto porque son persoas que xa tiñan limitada a súa mobilidade. O que recomenda a nosa fisioterapeuta é que se movan pola casa "cada hora hai que erguerse uns minutos e tomar o aire para contrarrestar a ausencia de vitamina D".

Saída dos rapaces

A xente nova xa se fai con vídeos para manter a forma, engade Sampil quen, a falta de concretarse como será a saída dos nenos e nenas menores de 14 anos, cre que debera ser como mínimo de 30 minutos e permitir que se movan todo o posible. Cando acabe o peche obrigatorio e reabran as clínicas de fisioterapia, o que se van atopar estes profesionais é coas costas afectadas. Cervicais e contracturas en xeral van ser a raíñas da post-alarma sanitaria.

Noutro eido de consecuencias, preguntamos polas medidas compensatorias ao peche do sector. O cese de actividades funciona como cos autónomos e si reciben unhas axudas compensatorias que debe autorizar a mutua. Deixamos a Susana Sampil feliz, dentro das limitacións dos seus 70 metros cadrados que comparten catro persoas de familia. "Levo 25 anos traballando, na primeira semana non sabía que facer pero agora estou recuperando o tempo que non lle puiden dedicar á miña familia e a ler. Non me aburro", sentencia Susana Sampil, da clínica de fisioterapia que leva o seu nome en pleno cruce de Fene.

(Na imaxe, Susana Sampil)

Sociedade

Publica o teu comentario agora