O SLG valora positivamente o encontro mantido coa Secretaria Xeral de Igualdade

O SLG valora positivamente o encontro mantido coa Secretaria Xeral de Igualdade

03 de Xullo, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

O Sindicato Labrego Galego (SLG), por medio de Isabel Vilalba Seivane, Responsable da Secretaría das Mulleres e de Servizos ao Rural e Soberanía Alimentaria, e Ana Eiras Regueira, coordinadora técnica da Secretaría das Mulleres do SLG, trasladou a necesidade de acadar a titularidade compartida real nas explotacións agrarias e gandeiras á Secretaria Xeral de Igualdade, Marta González Vázquez.

No encontro, valorado positivamente desde o SLG, as representantes da organización labrega pediron a equiparación real en dereitos e obrigas de homes e mulleres nas explotacións, reclamando unha maior cobertura que a que se contempla no Real Decreto aprobado durante o mes de marzo e no que só se inclúe a creación dun rexistro.

 

 

Vilalba Seivane e Eiras Regueira tamén salientaron a importancia do feito de que o Goberno galego siga  a manter  os incentivos para que as mulleres se anoten coma co-titulares, unha axuda que, segundo Marta González, será convocada proximamente.

 

Outra das grandes preocupacións manifestadas neste encontro foi o perigo de que a Seguridade Social bote a mulleres do Sistema Especial de Traballadoras e Traballadores Agrarios (SETA) por non chegar a uns ingresos determinados, cuestión que afectaría a miles de mulleres en Galicia.

 

Outra parte da conversa versou sobre servizos de información e asesoramento ás mulleres labregas que esta organización sindical ten en todas as comarcas galegas, así coma a necesidade de seguir traballando tanto en temas de asesoramento laboral como en prevención de malos tratos, igualdade, recursos para mulleres no rural, etc.

 

A Secretaria Xeral de Igualdade, Marta González, valorou como moi importante a interlocución coa Secretaría das Mulleres do SLG, facendo constar o seu interese porque lle fagan chegar propostas que supoñan unha mellora na calidade de vida das mulleres do rural, ou denuncias ao respecto das súas problemáticas.

Sociedade