O Son de Meiga reúne no Barco a grupos como Sepultura, Macaco, Siniestro Total e Tequila

O Son de Meiga reúne no Barco a grupos como Sepultura, Macaco, Siniestro Total e Tequila

22 de Xullo, 2009 - 12:00 h. | Publicada por

A mítica banda Sepultura encabeza o cartel do Son de Meiga 09, o macrofestival que se celebra desde mañá xoves ata o sábado no Barco de Valdeorras (Ourense). O grupo, considerado o principal referente do trash metal mundial, súmanse a un programa no que se atopan artistas como Macaco, Rosendo, Mägo de Oz, Tequila, Avalanch, Skizoo, Mojinos Escozíos, Reincidentes, Def con Dos e Siniestro Total.

Canda ás bandas máis punteiras actuarán grupos procedentes de distintos puntos de Galicia e máis da comarca leonesa do Bierzo. Tocarán Navegando a Barlovento, Amadeüs, Cuentaatrás, Jabón Blue, Hastilla, Mala Komunikacion, Cabo da Vila, M’82, Aztor Secundario, Discordia, Vuelta y Media, Por Placer, Crakerman, Iria Flavia, Os Cuchufellos, La Tuna Rastafari e Esquíos.

Os amantes da música electrónica contarán ademais cun espazo propio en Son de Meiga, onde poderán escoitar a prestixiosos dj’s coma os brasileiros Pet Duo ou o serbio Dejan Milicevic, aos que se engaden outros nomes non menos internacionais: Dj Tako, Reeko, Cora Novoa, David Mallada, Raúl Mezcolanza, Aitor Ronda, Adrián Arias, Trevor Rockliffe, Fatima Hajjl, Darkrow, C-System, Óscar, iL Kartone e David Prada.

O evento propón, en total, 72 horas de música case ininterrompidas a cargo de 30 grupos e unha vintena de djs. O festival  é un ambicioso proxecto promovido por tres hostaleiros do Barco: Fran Prada, Sabino Guitián e José Prada, agrupados en Meigasonora Productions. A idea naceu o ano pasado, cando o café Despiste e os pubs Sambo e Caos decidiron organizar unha serie de concertos que acadaron unha calorosa acollida. Xurdiu entón a posibilidade de ampliar a iniciativa e convertela nunha gran cita anual, co fin de traer á comunidade bandas de renome e promocionar ao mesmo tempo aos artistas locais.

Sociedade