O trigo estaba en flor

O trigo estaba en flor

21 de Agosto, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Cando chegaron as tropas de Artillería a Fene, o trigo estaba en flor” lembraba hai anos a sobriña do alcalde de 1936 Ramón Souto. Esta semana cumpríronse 75 anos do fusilamento de boa parte da Corporación de Fene. Entre eles figuraban o alcalde Ramón Souto González e o tenente de alcalde Andrés Iglesias Garrote. As tropas sublevadas prendérannos na Casa do Concello de Fene o 22 de xullo de 1936.

A muller de Ramón Souto dicíalle, escapa Ramón que che van dar o pau. Porqué me vou marchar se nunca lle fixen mal a ninguén, respostou o alcalde, segundo lembraba a súa sobriña Rosa Souto.  A filla de Andrés Iglesias Garrote, Carmen Iglesias recordaba como detiveron aos membros da Corporación. Cando veu a Artillería, Andrés Iglesias esperounos na Casa do Concello. El loitou polo seu ideal, e por él deu a vida.

Con Ramón Souto González e Andrés Iglesias Garrote, fusilaron tamén a Eduardo Barcia Rodriguez, José Pita Pita e Eugenio Casal Vila. Dos 13 membros da Corporación de Fene en 1936, 5 foron fusilados inmediatamente despois da rebelión militar. Esta semana cumpríronse 75 anos daqueles acontecementos.

Sociedade