O Universitario Ferrol recibe a un Carmelitas ferido

O Universitario Ferrol recibe a un Carmelitas ferido

08 de Xaneiro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por

O Carmelitas de Ourense ocupa a última praza da Liga Feminina 2 de baloncesto. O pasado fin de semana deixou escapar a vitoria no último cuarto diante dun rival directo, o Aros (67-70). Por iso, mañá sábado acudirá enrabietado, a un pavillón de Esteiro, onde o Universitario Ferrol quere transformar o seu bó xogo en puntos.

Coa baixa segura de María Núñez (problemas coa rótula), que será substituída por Silvia Tenreiro, e unha Laura Audere que continúa coa súa recuperación. Así recibe un Universitario de Ferrol ilusionado con finalizar con vitoria a primeira volta, ao pechacancelas, o Carmelitas de Ourense que suma unha única vitoria (54-53) ante o outro equipo da cidade das Burgas, o Pabellón Ourense.
 
O conxunto ourensán está a pagar a dura peaxe de ser un debutante na categoría e a falta de experiencia é algo que pasa factura. A súa norteamericana Emily Ann Heikes cumpre a súa 5ª tempada en España (Zamora, Vinaroz, Burgos) e destaca pola súa polivalencia (máis de 13 puntos e 8 rebotes achega ao equipo) Xunto a ela Pamela Moral (ex Arxil, Alacante, Badaxoz, Bembibre, Pavillón, Cáceres) que achega 13 puntos e 3 rebotes é a outra referencia no quipo que menos puntos anota (54 por partido) pois a canteirá Pilar Alvarez queda en 8,5 puntos e 3,5 rebotes. Mar Ahijado (ex-Pavillón Ourense) e Laura Corbalán completan o quinteto habitual do equipo.
 
No equipo ferrolán tras a boa imaxe ofrecida o pasado fin de semana en Tenerife hai confianza na vitoria e en ofrecer un bo partido aos incondicionais que se darán cita en Esteiro. Ao bo momento de xogo das dúas norteamericanas Britany Miller e Kate Mills hai que sumar que tanto Natasa Radunovic como Marta Tudanca parecen volver convertirse en algo determinante para asentar o xogo do perímetro ferrolán. Queda a incógnita de Laura Audere á que hai que esperar que, a ansiedade por xogar non lle nuble o entendemento pois a reaparición tras lesions como a que tivo, esixe paciencia. Polo demais, a base do filial Silvia Tenreiro será a encargada, chegado o caso, de darlle "osíxeno" a Carla que está a comprobar como o nivel da liga feminina 2 é comparable á división de honra portuguesa.
 
Os colexiados galegos Luís Clemente e Xosé Penín serán os encargados de dirixir o encontro mañá sábado a partir das 7,00 da tarde no Pavillón de Esteiro

Deportes