O universo Querostar pónse en acción

O universo Querostar pónse en acción

09 de Xuño, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Culleredo

Arrincou onte a segunda edición do concurso Querostar, o certame de música ao vivo que promete revolucionar o panorama musical galego este verán. Organizado desde Carral pola Sala The Star e Airapro Producións, o Querostar 2011 preséntase con suculentos premios de 1.000, 500 e 300 euros para os grupos finalistas. Até o 26 de xuño, calquera grupo ou artista, sen restricións de pr

Unha vez rematada a fase de inscrición, os internautas poderán votar polos seus grupos favoritos a través da web www.querostar.com, unha votación da que sairán cinco dos dez grupos seleccionados para actuar en directo na Sala The Star. Os outros cinco grupos seleccionaranse do seguinte xeito: tres directamente pola organización do certame, un polo mellor videoclip (dentro da categoría Querostar Rodando, na que exercerá de xurado o deseñador Marcos Martínez) e outro pola mellor campaña de promoción nas redes sociais (o xurado deste Querostar Enredando será o community manager Álvaro Jesús Pérez Becerra).

Estes dez grupos tocarán na Sala The Star durante o verán en cinco concertos dobres que serán realizados e retransmitidos en directo por internet a través da páxina web do certame, nun anovador esforzo técnico e humano inédito no circuito de salas galegas. Durante os concertos, tanto o público como un xurado especializado puntuará cada unha das dez actuacións: os tres grupos con mellor cualificacións serán os tres finalistas, que se disputarán os premios de 1.000, 500 e 300 euros nun concerto final que se celebrará en outubro.

Pero iso non será todo. Durante todo o verán haberá concertos promocionais, xogos, sorteos e sobre todo moita actividade na rede. Se na primeira edición do certame as tecnoloxías e as redes eran centrais para o desenvolvemento do concurso, este ano máis aínda: ademais de retransmitir por streaming as actuacións en directo con sinal de vídeo e audio, e proxectar na sala os comentarios dos espectadores online durante os concertos, o propio público do local puntuará as actuacións de 1 a 5 cunha pantalla táctil situada á entrada do local, introducindo un código de votación que se lle facilitará con cada consumición. Tamén haberá programas de radio e entrevistas online cos grupos participantes durante todo o certame, así como sorteos e xogos vía Twitter e Facebook.

Ademais dos premios para os grupos, os internautas e espectadores que sigan o certame tamén están de sorte: sortearase un iPod entre todos os fans da páxina de Querostar en Facebook, e outro entre todas as persoas que asistan aos concertos na Sala The Star (terán que depositar a entrada, escribindo nela o seu nome e teléfono, nunha furna). E para non deixar de lado a diversión e o coñecemento, nos próximos días estará dispoñible na web do certame un xogo de preguntas, o Quiz Musical Querostar, no que calquera poderá poñer a proba os seus coñecementos sobre cultura musical galega. As tres mellores puntuacións conseguirán un abono para todas as actuacións da Sala The Star durante un ano.

Coa intención de impulsar o tecido mediático e musical en Galicia, créase o I Certame de Xornalismo Musical Querostar, no que calquera dos asistentes aos concertos e actividades do Querostar poderá enviar e publicar a súa crónica na web do concurso. O autor do mellor artigo recibirá un premio en metálico de 200 euros.

Na primeira edición do Querostar, o grupo gañador do certame foi a banda coruñesa La Senda de Afra, que nestes momentos está a piques de editar o que será o seu primeiro disco. Os cantareiros de Maghúa quedaron no segundo posto e o grupo de fusión Chotokoeu, no terceiro lugar.

O certame Querostar é unha produción de Airapro, a produtora audiovisual fundada en Carral polos actores Marcos Pereiro e Xosé A. Touriñán (máis coñecidos como Nucha e Mucha, as Cantareiras de Ardebullo), que tamén son os propietarios da Sala The Star.

Sociedade