O xacemento da Cova Eirós permite estudar a transición entre os neandertais e os humanos modernos

O xacemento da Cova Eirós permite estudar a transición entre os neandertais e os humanos modernos

20 de Maio, 2009 - 12:00 h. | Publicada por

A Cova Eirós (Triacastela, Lugo) conserva a única secuencia do Noroeste onde se pode estudar a transición entre os derradeiros neandertais e os primeiros humanos modernos. Esta é unha das primeiras conclusións do Grupo de Estudos para a Prehistoria do Noroeste da Universidade de Santiago de Compostela que están a realizar escavacións no lugar, xunto cun equipo do Institut Catalá de Paleocología Humana i Evolució Social de Tarragona.

As datacións realizadas nun nivel superior da cova indican a existencia dunha ocupación que se remonta a máis de 30.000 anos atrás, período no que os primeiros humanos modernos chegan ao continente europeo. O responsable da investigación, o profesor Ramón Fábregas, explicou en Radiofusión que en vindeiras intervencións agardan atopar materiais de decenas de miles de anos máis de antigüidade. Para iso utilizarán unha técnica diferente, a OSL, que permite as datacións nun marco cronolóxico máis amplo que o Carbono 14.

Os traballos desenvolvidos revelan a importancia deste xacemento para o estudo dos modos de vida dos neandertais no Paleolítico medio. As escavacións en Cova Eirós permitirán, polo tanto, compilar grande información sobre as súas estratexias de caza, a fabricación de ferramentas ou á súa esfera simbólica.

Sociedade