As obras e a radio municipal centraron o debate no pleno de Fene

As obras e a radio municipal centraron o debate no pleno de Fene

03 de Decembro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Un papel de Adif que debe chegar ao concello é a causa de que o Plan de Obras da Deputación do 2007 non saia adiante no concello de Fene. É a resposta do concelleiro responsable de obras na comparecencia no pleno de onte a petición da oposición. Unha vez chegue o papel de Adif desbloquearase o Plan do 2007, e detrás irán os dos anos posteriores.

Tratase de obras por valor de 2 millóns de euros que levan tres anos de retraso, algo que tanto o BNG como EU e o PP reprocharon ao concelleiro José Antonio López. Todos os grupos reprocháronlle que traballa pouco e non atende aos veciños e veciñas. O BNG chegou a pedir ao alcalde que lle quite competencias xa que non da atendido as suas responsabilidades.O voceiro do PP, Gumersindo Galego, afirmaba que nos máis de tres anos de goberno socialista, non se fixo en Fene nen un metro de abastecemento ou saneamento. Engadíu que os proxectos para a Porta do Sol, Naturais e a Fraga están sen xestionar. José Antonio López asegurou que no mes de Xaneiro van levar ao pleno da Deputación o plan de 2007.

O voceiro do BNG, Manuel Polo, criticou tamén o retraso nas licencias e que as obras do segundo Plan E estean sen tramitar a estas alturas, así como o fracaso no plan de rebacheo de camiños. O edil de EU, Manuel Sánchez, quedou con dúbidas trala comparecencia e refrendou as queixas de nacionalistas e  populares, de que o concelleiro de Urbanismo e o resto do grupo de goberno deben dedicarlle máis tempo. A Radio Municipal centrou a outra parte do debate. A edil responsable, Carmen Silvar, respondeu ás preguntas dos grupos da oposición  sobre o traslado de dous traballadores da emisora para outros destinos municipais. A orixe desta decisión foi a crise económica e a intención de aforrar en salarios, por iso se recurriu á mobilidade funcional, segundo Silvar. O BNG calificou a medida de oscurantista e de perxudicar con ela ao movemento asociativo.

O PP incidiu na ilegalidade en términos laborais mentras a EU preocúpalle a repercusión social da medida, asegurando o seu portavoz que a radio non se pecha pero sí méngua o seu labor social. O pleno fenés aprobou unha moción do Bloque pola mellora do ferrocarril Ferrol- A Coruña. Tamén a modificación do nivel de complemento de destino do persoal da policía local.  E prosperou, coa abstención de Bloque e PP e os votos favorables de EU e PSOE, unha reserva de crédito en favor da Mancomunidade de Municipios para financiar a xestión de residuos voluminosos no futuro.

Sociedade