Obras en carteira

Obras en carteira
18 de Xaneiro, 2024 - 04:54 h. | Publicada por Radio Fene

Máis de medio millón de euros de Deputación ten comprometidos o Concello de Fene para a realización de obras e para benestar social. “Sempre pode ser máis, pero son máis de medio millón de euros de investimento en obra e benestar social”. O Goberno local xa decidiu o destino que dará aos fondos do Plan Único. Manuel Polo, concelleiro de Urbanismo, Vivenda e Obras informou en Radio Fene das actuacións previstas. Tamén anunciou que a principios da vindeira semana celebrarase o pleno municipal para sortear quen formará as mesas electorais nos comicios ao Parlamento de Galicia do 18 de febreiro.

ESCOITA O PODCAST:

O Concello de Fene recibirá algo máis de 447.000 euros da Deputación da Coruña para investir en proxectos de abastecemento e aglomerado, outros 72.000 irán destinados aos servizos sociais. O Camiño Arriba, en Sillobre; o Camiño da Fonte, en Limodre; o Camiño do Conde, en Maniños, e o aglomerado en Buios son actuacións que se beneficiarán deses fondos. O Concello tamén decidiu os proxectos para acollerse ao chamado POS Complementario, como a renovación das tubaxes de abastecemento no cruzamento entre a Avenida das Pías coa Avenida Marqués de Figueroa, ao que se sumarán dúas actuacións de aglomerado, unha en Río Sandeo e outra en Cadavás. O financiamento destas actuacións agarda a xeración das partidas necesarias no ente provincial. Manuel Polo lembra que o Concello de Fene xa ten en execución outras actuacións para a extensión do subministro de auga, por exemplo en Limodre e Sillobre, co que “prácticamente todo o concello terá auga da traída e xa estamos na fase da renovación de tubaxes antigas”. “No saneamento igual, so quedan flecos de conexión e estamos mirando de esguello á renovación de tubos antigos, isto non remata nunca”, sinala o concelleiro de Obras.

Institucional

Publica o teu comentario agora