Onda ODS: a radio co medio ambiente

Onda ODS: a radio co medio ambiente
14 de Setembro, 2022 - 12:16 h. | Publicada por Radio Fene

Máis de trescentas emisoras comunitarias e municipais de todo o Estado poñen en pé o proxecto Onda ODS, que comeza mañá, día 15 de setembro, a programación coa emisión dun espazo radiofónico en directo desde a sede do CEIDA (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia), no Castelo de Santa Cruz, en Oleiros. Este é o primeiro chanzo dunha estratexia de comunicación dirixida a fomentar a reflexión na audiencia e a sensibilizar á cidadanía respecto dos chamados ODS, os obxectivos de desenvolvemento sustentable recollidos pola ONU na súa Axenda 2030.

O proxecto Onda ODS estrease este xoves con un programa, conducido por Susana Falcón, de Radiofusión, e Pablo García, de Radio A Estrada, que comezará ás nove da mañá. Durante as dúas horas que durará a emisión deste espazo radiofónico diversos protagonistas abordarán, desde unha perspectiva local e de proximidade, algunhas das cuestións vinculadas con aspectos como a emerxencia climática, estratexias de preservación medio ambientais ou a loita contra o despoboamento do rural, todas elas recollidas no documento das Nacións Unidas.

 

Entre os convidados cos que contará este primeiro programa de Onda ODS figuran o alcalde da localidade anfitrioa, Ángel García Seoane; e representantes das propias asociacións de medios que promoven o proxecto, como Paco Crespo, director xeral de Emisoras Municipais de Andalucía (EMA); Isabel Lema, representante da Rede Estatal de Medios Comunitarios, docente na Universidade da Coruña e membro do consello coordinador de CUAC FM; e María López, directora de Radio Televisión Cardedeu (La Xarxa – Cataluña).

 

Sobre as boas prácticas en prol da conservación do planeta teremos ocasión de escoitar a protagonistas como o director do CEIDA, Carlos Vales, ou Laura Videla, dinamizadora do Consello Climático Xuvenil de Oleiros, entidade esta última que se creou o pasado ano e que ten como obxectivo asesorar ao Concello de Oleiros en temas medio ambientais. Así mesmo, tamén compartirán as súas impresións Ana Traseira, directora da UNED en Lugo, unha entidade galardoada recentemente pola súa aplicación da Axenda 2030 na súa actividade diaria; ou César Longo que, ademais de alcalde de Paderne, é directivo do Grupo Reserva da Biosfera Mariña Coruñesa e Terras do Mandeo.

 

Alumnado do CEIP Juana de Vega e do IES María Casares de Oleiros asistirán coma público a este programa que estará amenizado pola música da cantautora Sofía Espiñeira.

 

As Emisoras Municipais Galegas (EMUGA-Radiofusión) en asociación con Emisoras Municipais de Andalucía (EMA), La Xarxa-Radio Televisión Cardedeu (Cataluña) e a Rede Estatal de Medios Comunitarios son os promotores do proxecto ONDA ODS que se plasmará en varios programas radiofónicos, vídeos arredor de iniciativas dinamizadoras do medio rural que loitan contra o despoboamento do mesmo e varios podcast que abordarán á desigualdade de xénero e ó cambio climático a través de exemplos reais. Parte deste material está xa dispoñible na web www.ondaods.org. Así mesmo, no marco da iniciativa impartiranse tres cursos de podcast a mulleres, mocidade e responsables de entidades que impulsan procesos de transición ecolóxica no mundo rural. A proposta está aberta á participación de todas as emisoras municipais e comunitarias galegas para que difundan as iniciativas concretas dos seus concellos e áreas de influencia a través dunha programación específica que se desenvolverá desde agora mesmo e durante as vindeiras semanas.

 

A cita no Castelo de Santa Cruz de Oleiros servirá tamén para promover a constitución dunha federación de asociacións de medios municipais e comunitarios, coa fin de aproveitar sinerxías para apoiar a programación local e colaborar na produción de espazos que poidan realizar conxuntamente.

 

 

 

Sociedade

Publica o teu comentario agora