A oposición critica duramente a prometida rexeneración democrática do presidente da Xunta

A oposición critica duramente a prometida rexeneración democrática do presidente da Xunta

04 de Maio, 2011 - 12:00 h. | Publicada por

Rogando, pasou a mañá a titular do Lexislativo autonómico, Pilar Rojo, para tentar acougar os alporizados ánimos dos deputados, que, a 28 horas para o inicio da campaña electoral seguen a elevar o ton das soflamas propias do debate político. Representantes dos tres grupos presentes na Cámara intercambiaron acusacións a respecto do talante máis ou menos democrático de cadaquén ou da suposta corrupció

A cimeira dialéctica desta xornada de control ao Goberno no Pazo do Hórreo púxoa o socialista Pablo López Vidal, quen manifestou que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, dá un "espectáculo noxento", cunha postura instalada no "prefascismo", expresión que lle valeu a amoestación de Pilar Rojo. Tamén a nacionalista Teresa Táboas criticou ao titular de San Caetano pola súa "irresponsabilidade" espetándolle que recordaba ao ditador que dicía "Non se meta en política, faga como eu".

E todo isto a conta da rexeneración democrática, unha das promesas formuladas polo PP na campaña autonómica e cuxo incumprimento lle afeou a oposición a Feijóo. Este retrucou ofrecendo un pacto no eido local que se aplicaría xa a partir da composicións dos próximos gobernos municipais e que pasaría por restrinxir as retribucións dos cargos públicos. O ofrecemento do presidente da Xunta non foi tomado en serio polos partidos da oposición, xa que agochaba unha crítica cara socialistas e nacionalistas. Núñez Feijóo declarou que nas deputacións que gobernan hai un 50 por cento de dedicacións exclusivas, e que dos 93 concelleiros que posúen nos plenos das principais urbes do País, oito de cada dez "viven exclusivamente do Concello". O secretario xeral do PSdeG, Manuel Vázquez, mantivo un tenso acareo con Feijóo, ao que cualificou como "presidente do transfuguismo". "Non lle gusta a lei electoral, é un demócrata parcial", engadiu. Tamén lle espetou que "ten unha cara amable e unha oculta na que é motor de paralización, desemprego e falta de ética nos concellos galegos". De contado requiriuno polo seu apoio en actos públicos ao alcalde de Baltar, José Antonio Feijóo, denunciado por suposto acoso e coaccións a candidatos socialistas, así como polos casos de transfuguismo e a implicación do seu partido na Operación Orquestra contra a corrupción na Costa da Morte.O presidente autonómico respondeulle a Pachi Vázquez que o seu nome "aparece no sumario da Orquesta e o meu non". Ademais, malia os 6.000 quilómetros que segundo o PP, Feijóo vai percorrer na campaña electoral, xa sabemos que non fará parada en Fisterra e Mazaricos. Asegurou que non apoiará a ningún rexedor imputado pola Xustiza, e dáse o caso de que nesa situación están os alcaldes populares das dúas vilas, investigados na Operación Orquestra por suposto tráfico de influencias e prevaricación.

Institucional