A oposición de Fene denuncia erros na regularización catastral

A oposición de Fene denuncia erros na regularización catastral

28 de Outubro, 2014 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

A polémica está servida no concello de Fene a causa da revisión catastral que realiza o Ministerio de Facenda. A veciñanza de Fene está a recibir os novos valores das súas propiedades actualizados e a partir de agora teñen 15 días para reclamar en caso de non estar dacordo. Segundo os grupos da oposición, o proceso estivo oculto por parte do goberno local, na regularización do catastro aparecen moitos erros e a veciñanza est&

Os socialistas de Fene e máis o BNG denuncian irregularidades na revisión do Catastro. Alertan do que califican como  "subidas no Imposto de Bens Inmobeis inxustas e oscuras”.

O portavoz socialista, Antón Noceda, afirma que o alcalde  posibilitou que Fene se incluíse na regularización catastral. Agora coa aplicación das subidas, o Concello non ofrece información para saber se o cobro aplicado é o correcto, indica o PSOE. Reclaman asimesmo axuda para presentar os recursos no caso de disconformidade coa subida.
O PSdeG-PSOE de Fene manifesta que a regularización catastral está plagada de erros de todo tipo. Denuncian que a veciñanza está a recibir comunicacións dunha medida pola que se lles cobra unha taxa de sesenta euros, sen advertir dos contidos exactos da mesma. A subida pode supoñer importes moi superiores, segundo Antón Noceda.

En termos moi semellantes manifestase o portavoz do BNG, Juventino Trigo, quen advirte que a veciñanza de Fene ten  que pagar unha taxa fixa a maiores dos incrementos que lles virán no recibo da contribución. Trigo critica que o concello, que sabe isto dende hai meses, non advertise á cidadanía, como fixeron outros concellos, para ir regularizando o catastro, sen ter que pagar taxa algunha. A cidadanía agora non vai poder reclamar, ainda no caso de percibir erros.

Radio Fene púxose en contacto co alcalde de Fene para coñecer a súa versión. Gumersindo Galego quixo restarlle alarmismo e  darlle normalidade ao proceso que califica de "xusto e necesario" porque tenta normalizar situacións que variaron dende a última regularización. Explicouno con exemplos reais como o dun veciño que restaurou unha vivenda e agora xa non pode pagar por unha ruína. Ou o daquel que fixo unha piscina e que ten que pagar máis porque revalorizou a propiedade.

Nos últimos días a veciñanza de Fene está a recibir as comunicacións da regularización catastral que o ministerio aprobou no mes de decembro de 2012.  Hai un período de quince dias para comprobar o alcance desa medida e presentar un recurso no caso de disconformidade.

PSOE e BNG indican que a regularización se está a facer con numerosas deficiencias técnicas derivadas do proceso de contratación. Denuncian erros na data das construccións ou reformas, calificacións erróneas dos tipos de construccións, erros nos titulares das propiedades, etc. Un e outro esixiron explicacións ao goberno municipal na comisión de Facenda. Ao tempo poñen en marcha unha campaña informativa á veciñanza sobre as irregularidades que esconde a actualización do Catastro.

Sociedade