Orella, tripas e liscos, a oferta gastronómica en Limodre

Orella, tripas e liscos, a oferta gastronómica en Limodre
14 de Agosto, 2023 - 12:10 h. | Publicada por Radio Fene

O domingo 20 de agosto a parroquia de Limodre volve a ofrecernos, e xa son 27 anos, unha proposta gastronómica ao redor do porco, a Festa da Orella. Rosa Filgueiras, a xefa de cociña,  Sinda Filgueiras e Ana Santiago cóntannos os segredos da preparación destas delicias gastronómicas.

ESCOITA O PODCAST:

Orella de porco con chourizo e patacas, tripas con patacas e liscos en formato bocadillo, será a oferta gastronómica que a Asociación Veciñal de Limodre prepare, nas súas cociñas de campaña, na que será a 27ª edición da Festa da Orella. 

Unha Festa que sempre intenta incluír algunha novidade e que, nesta edición, apostou por ampliar o menú coa proposta da ración de tripas. 

O marco do evento é o Parque da Hortiña, unha zona axardinada, con parque infantil e que estará habilitada con tódolos servizos e comodidades para que as persoas que decidan participar nesta exaltación de produtos do porco.

A organización aposta tamén por unha coidada selección musical. Ademais da animación dun trío de música tradicional da localidade, que estará actuando no recinto durante a xornada, ao redor das 16,30 horas actuará a CoRRal PoliAfónica do Aturuxo de Melpómene, sobre as 17,30 ofrecerannos a actuación do grupo Brixta e para rematar a festa H&C animarán a bailar ás persoas asistentes. 

Cultura

Publica o teu comentario agora