Os contactos Feijóo - Dorado

Os contactos Feijóo - Dorado

04 de Abril, 2013 - 12:00 h. | Publicada por Radio Redondela

Feijóo e Dorado falaron despois do 2001, segundo asegura o maxistrado José Antonio Vázquez Taín nunhas declaracións recollidas polos diarios El Mundo e El Pais. O xuiz tiña "pinchado" o teléfono do narcotraficante e afirma que desas conversas non se derivou indicios de delito. Pero a autoridade xudicial contradi as manifestacións do presidente da Xunta que aseguraba a interrupción dos seus contactos con Marcial Dorado en 1999.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, sinalou que José Antonio Vázquez Taín, o xuíz que encarcerou ao condenado por narcotráfico Marcial Dourado, "falou e a infamia terminou". Dixo logo de que o xornal “El Mundo” publicase unha entrevista co citado maxistrado, na que este sostén que non houbo indicio delituoso algún contra o agora xefe do Executivo galego, que en 2011 algúns xornalistas xa lle preguntaron polas fotografías que a pasada fin de semana publicou El País, e que non houbo incautación destas instantáneas. Así as cousas, Núñez Feijóo aproveitou un acto público en Vigo para dar por clausurada a polémica arredor da súa relación co narcotraficante e contrabandista.

Mais o xuíz José Antonio Vázquez Taín, instrutor da operación contra o narcotráfico denominado 'South Sea', que se desenvolveu entre os anos 2001 e 2003, e na que foi implicado Marcial Dorado, sinalou que cre "recordar" polo menos unha conversación telefónica intervida entre Alberto Núñez Feijóo e agora condenado, aínda que o seu contido era "intranscendente". Acontece que na súa comparecencia pública o pasado luns, o presidente da Xunta explicou que a relación co narco interrompeuse no momento no que tivo constancia dos seus problemas coa Xustiza e indicou que cría que a última vez que o vira foi como consecuencia da morte por accidente de tráfico de Manuel Cruz, home de palla de Dorado, a mediados de 1999.
Á luz desa revelación do xuíz Vázquez Taín, o secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, acusou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, de "mentir" sobre a súa relación co narcotraficante. Se é certo que mantivo conversas con el despois de 1999, Feijóo “ten que presentar a súa dimisión inmediatamente", resolveu Vázquez, quen ademais teimou en os socialistas non están detrás da filtración dunhas fotografías que nunca obraron no seu poder malia as insinuacións feitas polo Partido Popular.
Ao debate engadiuse o voceiro nacional do BNG, Xavier Vence, ao considerar que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, debería "depositar a súa dimisión" no Parlamento", porque Galicia "non pode soportar que a Presidencia dunha persoa con ese tipo de relacións e ese tipo de pasado". En relación ás declaracións do xuíz José Antonio Vázquez Taín, o voceiro nacional do Bloque pediu "prudencia" ao maxistrado, pedíndolle que non faga declaracións de parte e que manifeste “a través das resolucións xudiciais. Díxoo lembrando ademais que Vázquez Taín foi nomeado, cando Feijóo era vicepresidente da Xunta, director do Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia.

Sociedade