Os enxeñeiros informáticos maniféstanse na Coruña para reivindicar a regularización da profesión

Os enxeñeiros informáticos maniféstanse na Coruña para reivindicar a regularización da profesión

17 de Marzo, 2009 - 12:00 h. | Publicada por

Os enxeñeiros en informática sairán de novo nesta xornada á rúa para solicitar a regulación das súas competencias. A manifestación -que reunirá a estudantes, profesores e profesionais deste ámbito- partirá ás doce do mediodía do campus coruñés de Elviña e finalizará ao redor das dúas da tarde na Praza de Ourense.

A Plataforma Galega para a Defensa das Enxeñarías en Informática reclama con esta mobilización a regulación do sector en dúas vertentes: a académica e a profesional. Con respecto á primeira das reivindicacións, os manifestantes solicitan que se establezan oficialmente os contidos mínimos comúns dos graos en Informática que se crearán coa implantación do Espazo Europeo de Educación Superior. No eido profesional, denuncian que son a única enxeñería que carece dunhas competencias establecidas por lei. Segundo declarou nos micrófonos de Radiofusión o voceiro da Plataforma, Macías López Iglesias, esas eivas provocan que os enxeñeiros en informática se enfronten no mercado laboral a un alto grao de “intrusismo” e unha elevada precariedade.

Desde a Plataforma Galega para a Defensa das Enxeñarías en Informática confíase en que se produza a curto prazo a regulación académica, posto que as negociacións coa Administración deron xa os seus primeiros froitos. Máis escépticos amósanse arredor da regulación profesional, posto que aínda non conseguiron entrevistarse cos representantes dos Ministerios competentes na materia.

Sociedade