Os Gazafelhos estrean en Narón a súa segunda montaxe

Os Gazafelhos estrean en Narón a súa segunda montaxe

16 de Abril, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Dobre función da compañía Os Gazafelhos na comarca esta fin de semana. Mañá venres presentan no Centro Cultural de San Sadurniño a obra “A orixe dos Gazafelhos” e o domingo estrean en Narón unha nova peza, “Contos Mariñeiros”.

“Contos mariñeiros” é a historia da Bestarruza, unha embarcación que foi a pique cando faenaba no Ortegal, e da filla dun dos mariñeiros, que non pode durmir á espera do bico do seu pai. Por iso a nena decide saír na súa procura, comezando unha aventura que a levará por distintos faros da costa galega e na que vai coñecer estranos personaxes que a guiarán ata a raiola verde.

Pepablo Patinho, Montse Piñón e Jorge Casas son os artífices deste novo espectáculo da compañía naronesa Os Gazafelhos, unha obra dirixida a nenos e nenas de cinco a doce anos na que se fala do tema da morte con “total naturalidade”.

Segundo os seus artífices, “Contos mariñeiros” é un espectáculo moi plástico e dinámico no que priman a mímica e os xestos, ademais da música. Na elaboración da historia, Os Gazafelhos inspiráronse en catro contos: na historia do fareiro da Candieira, na lenda de Xerión da Torre de Hercules e nas dos faros de Touriñan e Fisterra. Tamén introduciron, como explicou Pepablo Patinho a Radiofusión, a coñecida lenda da raiola verde.  

Os Gazafelhos estrean “Contos mariñeiros” o vindeiro domingo en Narón. A función, prevista para as seis do serán, desenvolverase no Auditorio Municipal do Alto do Castiñeiro. Antes desa cita, a mesma compañía teatral ten outra no Centro Cultural de San Sadurniño onde presenta mañá venres a peza “A orixe dos Gazafelhos”.

Cultura