Os músicos independentes galegos convídannos a trocar cancións por agasallos

Os músicos independentes galegos convídannos a trocar cancións por agasallos

28 de Decembro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por

Gozar do pop independente galego e, ao mesmo tempo, realizar unha acción solidaria é o que permite o ciclo Cancións por regalos. O proxecto ideado por Ernie Producciones, e apoiado polo Xacobeo e Caixanova, levará por seis cidades galegas a Manos de Topo, Fon Román, Niño y Pistola ou Silvia Penide, entre outros. Aqueles que queiran asistir aos concertos non terán que pagar unha entrada, senón entregar un agasallo para os nenos desfavorecidos.

Cada sesión terá unha duración de 50 minutos e comporase da actuación de artistas de catro formacións de pop independente, os cales mostrarán unha parte do seu repertorio no formato máis íntimo. Os espectadores deberán levar un agasallo para un neno: un xoguete novo ou usado (en bo estado), un libro, algo de roupa.... Posteriormente, a ONG Vida Digna encargarase da xestión e reparto dos regalos.

A iniciativa celebrarase o sábado no Círculo das Artes de Lugo e no vestíbulo do Centro Social Caixanova de Pontevedra, o domingo trasladarase ao Colexio Fonseca de Santiago e ao xardín do Centro Social Caixanova de Vigo e luns rematará no Auditorio do Centro Social Caixanova da Coruña e na Sala de Exposicións do Centro Social Caixanova de Ourense. O ciclo permitirá ver en directo aos integrantes de Manos de Topo, Sugar Mountain, Igloo, Niño y Pistola, Holywater, Maryland, Fon Román, Sevigny, Nadadora, Silvia Penide, Srt. Fluzo, Boy Elliot e Felix Arias.

 

Sociedade