Os Papaqueixos, outros abandeirados do bravú

Os Papaqueixos, outros abandeirados do bravú

08 de Maio, 2011 - 12:00 h. | Publicada por

Remontámonos ao 1993 cando tres fans dos Diplomáticos de Monte Alto e Gwendal deciden montar a súa propia banda. Eran Paco Ramos (guitarra), Manolo Montero (frauta e voz) e Antón Díaz (baixo e voz). Axiña se unen a eles o batería Fran Amil e o gaiteiro Xan Xove e forman Os Papaqueixos. A súa aposta pola fusión do rock, o ska e o folk cunhas pingas de punk comézase a espallar polo

Contan que na época na que compartiron local de ensaio na Asociación de Veciños da Agra do Orzán con Luar na Lubre, no comezo da súa carreira, o grupo de Bieito Romero dubidaba da capacidade dos Papaqueixos para facer música. Nese mesmo ano, en 1994, gravaron a súa primeira maqueta, Esplendor e caída da cantiga do moinante, en formato cinta K7, e en 1996 inclúen “Matías o Morcego” na compilación Unión Bravú de Edicións do Cumio.

Os Papaqueixos foron argallando un son propio coa entrada na banda do guitarrista Tino Vilaro, substituído despois por Dani Pagès; e do saxofón de Richi. Todo iso unido á potente sección de ventos do cuarteto Forza 7 nos concertos fai que o grupo acade a madurez.

A guinda póñena en 1999, coa gravación do seu primeiro e único longa duración A lóxica aplastante do comité de propaganda. Un traballo composto por cinco retallos e 13 bombas de pachanga, rock, folk e ska creadas a base de retranca, poesía, sarcasmo ou paranoia. Unha das mostras é “Mai Lob is güetin faragüei”, o corte que abre o disco.

Outro dos hits que resoaron por festivais de todo o país como a Festa da Fraga, nas Pontes; a Festa Folc de Vilariño, o Irmandiño de Moeche o Intercéltico do Morrazo e tamén se escoitaron por Euskadi e Cataluña foi “Tecnotraficante”.

A andaina dos Papaqueixos rematou no 2001, nunha época en que desapareceron moitos outros grupos daquela primeira fornada de rock bravú. O derradeiro concerto do grupo foi en Melide, no mes de abril, compartindo cartaz con Obús.

Na actualidade, varios dos compoñentes dos Papaqueixos continúan a súa andaina musical noutras formacións: Antón Díaz, Fran Amil e Tino Vilaro nos Ultraqäns e Os Tres Trebóns ou Manolo Montero na Banda Potemkin.

Cultura