Os profesionais das artes escénicas reuniranse co conselleiro de Cultura para abordar a “parálise” do sector

Os profesionais das artes escénicas reuniranse co conselleiro de Cultura para abordar a “parálise” do sector

17 de Xuño, 2009 - 12:00 h. | Publicada por

Os representantes do sector escénico do país reuniranse o vindeiro martes día 23 co conselleiro de Cultura, Roberto Varela. O departamento da Xunta convocou esta xuntanza despois de que os profesionais do ramo denunciasen onte publicamente a “parálise total” que sofre a súa actividade desde o cambio de goberno. Malia esta rápida resposta, os voceiros do colectivo amósanse “pesimistas” sobre o que pode dar de si a cita.

Unha vintena de asociacións do sector das artes escénicas asinaron un documento conxunto para esixirlle á Consellería o “desbloqueamento” das políticas que afectan á súa profesión. Denuncian o impago de todos os traballos realizados desde o 1 de marzo, que cuantifican en aproximadamente un millón de euros, e reclaman que se resolvan as subvencións que foron convocadas xa en xaneiro no Diario Oficial de Galicia. Lembran ademais que en cuestión de semanas botan andar algúns dos festivais de teatro máis importantes do país e que os seus organizadores aínda non teñen noticias sobre as axudas públicas que lles corresponden.

“Imos afogar económica e culturalmente”, denunciou en Radiofusión o presidente da Asociación Escena Galega, Ernesto Chao. Con respecto ao eido económico, Chao asegurou que o sector está sostido por pequenas e medianas empresas e que a curto prazo se atopan en xogo “milleiros de postos de traballo”. No tocante ao ámbito cultural, destacou que, se nesta época as compañías non comezan a preparar os seus novos espectáculos, o ano que vén non se celebrarán representacións en Galicia.

No comunicado conxunto asinado polos profesionais do sector instábase á Xunta a dar “unha resposta rápida e satisfactoria”. A consellería de Cultura cumpriu co primeiro, pero os representantes do sector temen que non o farán co segundo. “Non somos nada optimistas”, confesou Ernesto Chao, e xustificouse aludindo á “improdutiva” xuntanza que mantiveron os representantes do audiovisual con Roberto Varela.

De cumprírense esas previsións negativas, o presidente da Asociación da Escena Galega chama á mobilización. “Teremos que tomar accións visibles para a sociedade ou pechar o quiosco”, declarou. De cara a planificar protestas, Ernesto Chao amosouse partidario de coordinarse cos compañeiros do sector audiovisual, cos que comparten problemáticas e demandas.

Cultura