Os Trovadores e Os satélites na Festa do Carme de Maniños

Os Trovadores e Os satélites na Festa do Carme de Maniños

08 de Xullo, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

A parroquia de Maniños celebra este domingo, 10 de xullo, a Festa do Carme. No mes de agosto celebrará o Patrón os días 6 e 7 e a Romería do Pote o día 28. Logo de 6 anos nos que a parroquia non contou con festas, o ano pasado reuníuse un grupo de persoas para recuperar as tradicións e costumes de Maniños.

Como antesala aos festexos do Carme, mañá a partir das catro da tarde, a Banda de Gaitas de Ares percorrerá a parroquia para ir collendo ambiente festeiro. Xa o domingo o lanzamento de bombas de palenque anunciarán o comezo das festas. O programa arrinca ás dez e cuarto coa procesión da Nosa Señora do Carme dende a igrexa nova ata o peirao acompañada da “Banda Ferrol”. Alí oficiarase unha misa cantada pola Coral da Asociación Cultural, Recreativa e Deportiva O Pote. Tras o oficio relixioso, dende a nova rampa do peirao de Barallobre, procederase á procesión marítima con ofrenda floral en lembranza das persoas falecidas no mar. Ao regreso da procesión á igrexa, a imaxe da virxe será recibida pola Rondalla Trovadores de Ares. A continuación comezará o desfile ata o campo da festa da Banda Ferrol e da Rondalla Trovadores.

Ás dúas da tarde a orquestra Trovadores arrufará a sesión vermú. As Festas do Carme de Maniños tamén teñen un apartado gastronómico. Así, ás sete da tarde, celebrarase a “XII Degustación da ameixa da ría”, organizada pola sociedade O Pote. Logo de renovar folgos coas ameixas o seguinte prato será a gran verbena. Dúas orquestras míticas, Os Trovadores e Os Satélites, amenizarán a troula nocturna a partir das dez da noite.

Sociedade