Pérez Bouza pide explicacións a Renfe sobre a exclusión de Lugo da promoción “100 escapadas”

Pérez Bouza pide explicacións a Renfe sobre a exclusión de Lugo da promoción “100 escapadas”

15 de Xullo, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

O senador do BNG, Xosé Manuel Pérez Bouza, rexistrou onte unha iniciativa parlamentaria na Cámara Alta para preguntarlle a Renfe por qué razón non incluíu a Lugo na promoción denominada “100 Escapadas”, consistente nunha oferta combinada de billete de tren e hotel, cando Lugo conta cunha abundante oferta turística.

Pérez Bouza explicou que o pasado 9 de Xullo Renfe lanzou unha campaña de ofertas a distintas cidades do Estado, e que inclúe a cidades galegas como A Coruña, Vigo, Pontevedra e Santiago de Compostela. Esta iniciativa contempla viaxes con orixe ou destino Madrid desde Galicia, conexións que realiza o Talgo diurno ou o tren hotel de noite.

 

 

Neste sentido, o representante nacionalista lembra á compañía ferroviaria que “o tren hotel que viaxa de noite realiza paradas en Lugo”, de aí que tamén se puidese incluir na promoción da compañía ferroviaria.

 

O parlamentario demandou mais información sobre os criterios seguidos por Renfe á hora de seleccionar as cidades que se benefician destas ofertas, para explicar a exclusión de Lugo

 

Necesidade de potenciar o turismo de interior

 

“Non cre Renfe que con este sistema se promociona unicamente o turismo de costa en detrimento do denominado turismo de interior que precisa dunha maior potenciación? Non considera que sería necesaria unha campaña para incentivar e promocionar o turismo de interior que ofrece igualmente una grande diversidade de oferta cultural, paisaxística, natural ou patrimonial?”, son algunhas das cuestións que o senador dirixe ao Goberno, a quen lle demanda unha campaña de promoción dos destinos de interior.

Sociedade