A Parcelaria de Conforto, en A Pontenova, puxo fin a 25 anos de xestións coa entrega dos títulos de propiedade

A Parcelaria de Conforto, en A Pontenova, puxo fin a 25 anos de xestións coa entrega dos títulos de propiedade

08 de Abril, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

Os 25 anos que durou a concentración parcelaria de Conforto, en A Pontenova, tiveron o seu fin onte coa entrega dos títulos de propiedade que a delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, acompañada polo director xeral de Desenvolvemento Rural, Antonio Crespo, fixo aos 477 veciños implicados.

A concentración parcelaria de Conforto, que foi decretada no ano 1985, afecta a unha superficie de 1.914 hectáreas de extensión, reducindo a 1.638 fincas as 9.482 parcelas que antes se diseminaban polo territorio afectado. “Deste xeito, a superficie media das leiras resultantes quintuplica o tamaño das precedentes e achégase aos 11.100 metros cadrados”, segundo concretou Antonio Crespo.

No acto de entrega, a delegada destacou a importancia desta iniciativa, que supuxo un investimento de 2.073.534 euros. Ao respecto, Arias explicou que “non foi ata o 2001 cando se presentou o proxecto modificado que serviu de  base real á actuación, logo de ter realizado unha profunda revisión da documentación do expediente”.

A delegada territorial subliñou que o proceso de concentración redunda nunha mellor capacidade de aproveitamento da terra, “e este remata precisamente cando atravesamos tempos de incerteza económica que fan máis preciso que nunca  optimizar os recursos ó máximo”.

Arias afirmou que Galicia debe apostar “por un modelo de desenvolvemento sustentable e de crecemento equilibrado de todo o territorio galego”. Neste sentido, o director xeral de Desenvolvemento Rural fixo alusión “as actuacións completadas, como esta da Pontenova, que permiten levar a cabo no medio rural proxectos con mellores posibilidades”.

“A administracións deben incrementar e mellorar os servizos e infraestruturas nos concellos rurais e apoiar as iniciativas dos emprendedores”, indicou Arias, quen expresou a súa confianza en que “a organización racional do solo que supuxo esta concentración sexa un mecanismo dinamizador para a economía local”.

Sociedade