A pegada imborrable de María Gloria Martínez

A pegada imborrable de María Gloria Martínez

15 de Abril, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

As bágoas limpas e frescas das praias de Galicia, que tanto gustaban á profesora María Gloria Martínez, asomaban nos ollos da súa nai Trinidad Vidal no acto de homenaxe á súa filla en San Valentín. Dous anos despois do seu pasamento, este mediodía o barrio onde se criou rendeulle unha merecida lembranza tanto pola súa traxectoria profesional coma humana.

A corporación municipal de Fene, veciños e veciñas de San Valentín e amigos de Gloria Martínez participaron nun emotivo tributo á veciña de Fene e profesora de Informática da Universidad Jaume I de Castellón. A sua nai, Trinidad Jiménez, contou o amor que sentía Gloria polo seu barrio e polas súas xentes. Aínda que nos últimos anos residía na cidade levantina nunca se esquecía da súa terra.  

O alcalde de Fene, Iván Puentes, fixo fincapé na humanidade de Gloria, a quen definiu como unha boa persoa. 

Tras as palabras emocionadas da nai procedeuse á inauguración dun monolito cunha placa conmemorativa co seu nome e á plantación de árbores nos accesos ao barrio. A nai da mestra desaparecida principiou a plantación dunha orquídea xusto detrás do monumento. A continuación, todos os representantes dos grupos municipais do concello plantaron senllas árbores, simbolizando a vida e os froitos acadados pola homenaxeada.

Sociedade