Pemex retrasa ata novembro a adxudicación dos buques-flotel

Pemex retrasa ata novembro a adxudicación dos buques-flotel

23 de Setembro, 2013 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

A construción dos floteis para México ven de sofrir un novo retraso. Esta mañá a compañía petrolífera anunciou que a adxudicación definitiva realizaráse en novembro. Esa decisión estaba programada en principio para o pasado 19 de setembro. Fontes da Xunta de Galicia agardaban que se realizase o encargo en outubro.

A petroleira Pemex avanzou hoxe que o fallo da licitación internacional para a construción de buques hotel -floteis- programada para o pasado 18 de setembro celebrarase en novembro. Nun comunicado, a compañía pública mexicana subliña que os factores principais que terá en conta para a adxudicación do contrato son o custo e a eficiencia que mostren os proxectos das empresas candidatas. Así mesmo, detalla que a construción de floteles deriva da necesidade da compañía de albergar ás máis de 17.000 persoas que están a realizar traballos na explotación de xacementos no mar. A compañía mexicana lembra ademais que realizou un estudo de mercado que se someteu á consideración do consello de administración, que finalmente decidiu lanzar unha licitación pública internacional.

Hai algo máis dun ano, o 19 de setembro de 2012 o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, presidiu a firma coa compañía petroleira Pemex dos contratos de construción de dous hoteis flotantes nos estaleiros das rías de Ferrol e de Vigo por case 300 millóns de euros. Os dous hoteis serán xemelgos, con 131 metros de eslora e 27 de manga, poderán alcanzar os 12 nós de velocidade, o seu peso morto será de 7.000 toneladas e terán capacidade para 600 persoas.

Sociedade