Perda dos cursos de formacíón do Plan FIP

Perda dos cursos de formacíón do Plan FIP

21 de Agosto, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O Bloque Nacionalista Galego de Fene, informou esta mañá que vai presentar un escrito dirixido ao Alcalde, Iván Puentes, solicitando información acerca da perda dos cursos de formación do Plan FIP. Uns cursos concedidos pola Xunta de Galicia ao Concello de Fene no pasado mes de maio. Os nacionalistas amósanse alarmados pola perda destes cursos de formación ocupacional.

Trátase de 3 cursos, un de albanelería, un de encofrado e un de cachotería, aprobados no seu dia polo goberno autónomo. A xunta local de goberno aprobou o pasado 11 de xuño as bases de contratación de monitores, con anuncio en prensa publicado o 14 do mesmo mes. No mesmo mes de xuño seleccionouse ao alumnado, que alcanza as 45 persoas, que recibirían unha bolsa axuda como mínimo de 125 euros ao mes.
 

Segundo os nacionalistas, esas persoas xa seleccionadas viven con intranquilidade a falla de noticias. Máis agora cando a Xunta de Galicia vén de retirarlle os cursos ao Concello de Fene, por non ter realizado a tempo a selección dos monitores.

O BNG lembra que foi no ano 1986 cando o Concello de Fene planificou o primeiro proxecto de Formación Ocupacional. Dous anos despois o Instituto Nacional de Emprego (INEM) concedeu a Fene a categoría de centro colaborador e homologa a maior parte das especialidades que se impartían nos primeiros cursos de Formación Ocupacional. Fene convertérase, xunto con Arteixo, Cambre, Carballo, Culleredo e Corcubión, nun dos municipios da provincia, innovadores nesta área.

Foron moitos anos de esforzo por dar unha oportunidade formativa e laboral a milleiros de xoves que estaban abocados a seguir sumando as taxas de paro. En 1991 o INEM aproba a creación da Escola Obradoiro de Fene, un proxecto máis completo de tres anos de duración, ás que seguiron outras iniciativas similares, impulsadas en boa medida polo finado concelleiro do BNG Francisco Allegue.

Os nacionalistas lamentan que agora se tire pola borda tantos anos de traballo, polo que cualifican desleixo e abandono.

Sociedade