Piden un castigo exemplar para os exdirectivos de Novacaixagalicia

Piden un castigo exemplar para os exdirectivos de Novacaixagalicia

08 de Xuño, 2015 - 12:00 h. | Publicada por Radio Culleredo

A Audiencia Nacional celebrará dende este luns o xuízo contra os cinco exdirectivos de Novacaixagalicia (NCG) acusados de adxudicarse indemnizacións por valor de 18,9 millóns de euros e o avogado que os asesorou na operación que concibiron en plena crise das caixas. A antiga cúpula da entidade, resultante da fusión das extintas caixas de aforro galegas Caixa Galicia e Caixanova, enfróntase a tres anos de prisión por modificar os seus contr

Sentarán no banco dos acusados o excopresidente de Novacaixagalicia Julio Fernández Gayoso; que fose director xeral de Novacaixagalicia José Luis Pego; o exdirector xeral adxunto executivo Javier García de Paredes; o exresponsable do Grupo Inmobiliario Gregorio Gorriarán, o antigo xestor da oficina de integración Óscar Rodríguez Estrada; e o avogado Ricardo Pradas Montilla, quen os aconsellou na mellora dos seus contratos e omitiu esta información a Comisión de Retribucións e o Consello de Administración.

No seu escrito de acusación provisional, a Fiscalía anticorrupción atribúe a todos eles delitos de apropiación indebida e administración desleal e, alternativamente, estafa, por asignarse rendas vitalicias, melloras salariais e pensións millonarias malia a difícil situación que atravesaba Caixanova, que se achaba en pleno proceso de fusión con Caixagalicia e que pedira axuda ao Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB) para capitalizar a nova entidade.

O Ministerio Público considera autores do delito a Pego, García de Paredes, Gorriarán e Rodríguez Estrada e cooperadores necesarios a Pradas e a  Fernández Gayoso, quen, como copresidente de Novacaixagalicia e "máximo xestor" da entidade, debería actuado coa "maior dilixencia" para
salvagardar os intereses do banco que dirixía e non "antepoñer os intereses particulares" destes directivos.

Pide, ademais, aos seis acusados a devolución de 18,9 millóns de euros que se asignaron fraudulentamente nas súas pensións de xubilación, e unha multa de 75.000 euros. As fiscais Concepción Nicolás e Pilar Melero concretan que Pego apropiouse indebidamente de 7,7 millóns, Rodríguez Estrada de 690.000 euros, Gorriarán de 4,8 millóns e García de Paredes de 5,6 millóns. Anticorrupción detalla que tres dos catro directivos ­­Pego, Rodríguez Estrada e Gorriarán­­ acordaron, en pleno proceso de fusión de Caixanova e Caixa Galicia, "movidos pola clara intención de obter un
importante beneficio patrimonial, introducir diversas melloras nos contratos de alta dirección que garantisen a liquidación e rendas vitalicias futuras no caso de producirse a súa previsible saída da entidade crediticia tras a fusión".

A Asociación de Usuarios de Bancos Caixas e Seguros (Adicae), comparecida nas actuacións contra a cúpula de Novacaixagalicia como acusación popular, reclama catro anos de prisión así como multas máis elevadas, con cota diaria de 300 euros. Unha vez materializada a fusión de Caixa Galicia e Caixanova, a entidade foi nacionalizada en 2011, despois de efectuarse nela axustes contables polos cales o seu valor quedou reducido significativamente, contexto no que abandonaron a institución os directivos das antigas caixas.

Adicae informou nun comunicado de que pedirá "a máxima condena" para os acusados. Explica que "as prexubilacións son a expresión  do conxunto de irregularidades que levaron á quebra técnica ás caixas de aforros". Ademais, reclama a apertura dunha "causa xeral" ás caixas de aforros e insistiu en que persegue obter a máxima condena duns feitos "que deben ser obxecto de castigo exemplar", pero tamén o esclarecemento dunha "nefasta xestión" da que foron vítimas os clientes das caixas galegas.

Sociedade