Pilar García Negro debulla a presencia do galego na sociedade

Pilar García Negro debulla a presencia do galego na sociedade

12 de Maio, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Redondela

A política e sociolinguísta Pilar García Negro protagoniza o acto da Mesa pola Normalización Lingüística este mércores en Redondela. A charla, que se desenvolverá as 20:00 horas na casa da cultura, versará sobre a presencia do galego na sociedade. Esta será a primeira das actividades que o noso concello acollerá en torno ao día das letras galegas.

O venres e xa dentro da programación que organiza a concellería haberá una acto das alumnas de alfabetizacións de adultos onde estará moi presente a figura do homenaxeado este ano, Ramón Piñeiro. E xa durante toda a vindeira semana poderase visitar no multiusos a exposición itinerante “Crónicas da represión lingüística” de Acuarela Comunicación. Trátase dunha mostra gráfica e audiovisual sobre a represión lingüística desatada en Galicia a partir do levantamento militar. A realización desta obra expositiva pretende recuperar as vivencias das persoas que viviron os tráxicos sucesos do levantamento fascista e reflexionar sobre as consecuencias que tiveron para elas e o conxunto da nosa sociedade a sistematoloxía represiva implementada no noso pais, onde a lingua foi, tamén, un obxectivo dese accionar represivo.A participación de investigadores e estudosos engade o rigor científico necesario para afondar noutros aspectos desta represión lingüística que proxecta a súa longa sombra até os nosos días.

 

Por outra banda a Concellaría pon a disposición de todos os veciños e veciñas, autobuses para acudir a Santiago de Compostela o 17 de maio, con motivo da manifestación convocada no Día das Letras Galegas. Para reservar praza nos autobuses que partirán ás 10:00 horas do domingo da explanada de Aqualia é preciso chamar o departamento de Participación Cidadá ao teléfono 986400300. O prazo para inscribirse remata o día 15 de maio. A manifestación partirá ás 12 do mediodía da Alameda de Santiago de Compostela, baixo o lema “O galego, a nosa columna vertebral” e os autobuses regresarán ao finalizar a marcha.

Cultura