Pola defensa do público

Pola defensa do público

30 de Maio, 2012 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público  fai un chamamento a participar na manifestación do 3 de xuño en Santiago en defensa dos servizos públicos. Representantes da Plataforma animaron en rolda de prensa a “facer forza desde a rúa para frear os recortes no ensino público”

Representantes da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público fixeron hoxe, en rolda de prensa, un chamamento á sociedade para que asista de xeito masivo á manifestación que se celebrará o próximo 3 de xuño, en Santiago de Compostela, con saída ás 12.00 h. da Alameda, e que confluirá coa convocada en defensa da sanidade pública. No nome da Plataforma, Xoán Costa, valorou positivamente a participación nas mobilizacións realizadas ata o momento para demandar que a Consellaría de Educación non aplique máis recortes no ensino público e que recorra o RD Lei 14/2012 por invadir as competencias educativas da Xunta de Galiza.

“Fai falta facer forza desde a rúa ante os recortes que nos queren aplicar”, advertiu Xoán Costa, ao tempo que insistiu na importancia de que a xente se sume á próxima convocatoria de mobilizacións, realizada pola  Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público para o próximo día 3 de xuño. Costa tamén fixo un repaso pola diferentes accións promovidas con éxito pola Plataforma, entre elas a campaña de peches rotativos en centros educativos que se desenvolve desde 14 de maio ao 1 de xullo en 14 centros educativos do país e nos que xa participaron máis de mil persoas.

Xoán Costa fixo balance tamén das concentracións que, de xeito simultáneo, se realizaron na tardiña do 8 de maio nas cidades e en diferentes vilas galegas e referiuse  tamén ao éxito da folga de estudantes do 10 de maio convocada polos Comités, Galiza Nova e a Liga de Estudantes –organizacións integradas na Plataforma- e das manifestacións deste día nas que participaron máis de 10.000 persoas.

O representante da Plataforma insistiu na importancia de continuar mobilizándose co ánimo de esixirlle á Xunta de Galiza, que é a que ten as competencias educativas, que non aplique o RD Lei 14/2012 e que o recorra para así frear máis recortes no ensino público. Á rolda de prensa, celebrada hoxe, asistiron representantes da Federación de ANPAS de Santiago e Lugo (FAPACEL), AS-PG, CIG-Ensino, os Comités, a Liga de Estudantes, Galiza Nova, o BNG e o  Sindicato de Estudantes.  E escusaron a súa ausencia a Federación de ANPAS de Ferrol (FEANPAS).

Sociedade