A ponte é todo

A ponte é todo
16 de Xuño, 2020 - 12:18 h. | Publicada por Radio Fene

Véndese desde hoxe nas librarías o libro "Artistas da comarca eumesa (S. XII- XIX)" da editorial Espino Albar que pronto será presentado en público.

ESCOITA O PODCAST:

O privilexio outorgado por Afonso X o Sabio a Pontedeume no ano 1270 ten unha importancia enorme. “É a partida de nacemento dunha vila, unha vila real que organizase o territorio. Poucas teñen ese privilexio” afirma o editor Carlos de Castro. Con el ofrecíase á xente casa, pesca libre, mercado mensual e liberarse dalgúns impostos. "Queríase facer atractiva a chegada de poboación" explica Carlos de Castro. 

Libro

A súa editorial Espino Albar tiña que ser quen editase o libro “ Artistas da comarca eumesa. (S.XII- XIX)” que hoxe mesmo empezou a distribuirse polas librarías da comarca. “A ponte éo todo. As pontes eran vitais para as comunicacións terrestres. Tiña 68 arcos góticos. Tiña que ser impresionante” Iso xustifica para Carlos de Castro que a ponte ocupe a portada do libro no que os canteiros cobran gran protagonismo. Carlos de Castro amósase moi satisfeito co resultado do libro e felicita aos tres autores polo enorme traballo de investigación que conlevou. O libro estivo confinado na imprenta durante 40 dias pero hoxe veu a luz nos escaparates das librarías.

A exposición

Está pendente a súa presentación que virá acompañada dunha exposición de documentos relacionados coa fundación de Pontedeume e con motivo do seu 750 aniversario. Documentos moi importantes, algúns orixinais, provintes de 14 arquivos como o de Simancas ou o da Casa de Alba. A exposición dividirase, en palabras do editor, en 16 espazos temáticos. “A temática do libro intégrase plenamente nese contexto porque os artistas son os artífices da vila” E cita De Castro a canteiros, curtidores ou a pesca da sardiña como actividades significativas. Mañá celebrarase no concello de Pontedeume unha xuntanza para concreter cando se podería inaugurar esta exposición así como a presentación do libro do que son autores; Lucía Castro, Carolina Macedo e Henrique Sanfiz.

 

Cultura

Publica o teu comentario agora