Prepárase a paixón por Ferrol

Prepárase a paixón por Ferrol

12 de Abril, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Paixón por Ferrol. Ese é o lema da Semana Santa deste ano. Ademais das procesións, eses dias concentraranse na cidade departamental unha programación musical, exposicións e o decimocuarto salón do cabalo Equiocio.

O alcalde de Ferrol, Vicente Irisarri, e o concelleiro de Promoción Turística, Ramón Veloso, presentaron a programación da Semana Santa Ferrolá, que baixo o lema de “Paixón por Ferrol” se desenvolverá na cidade durante a semana máis importante de Ferrol, tal e como subliñou o rexedor municipal nun acto que contou coa presenza da xerente da Sociedade Mixta de Turismo, María Luisa López Morales, e do vicepresidente  da Coordinadora de Confrarías de Semana Santa, José Hevia. A programación incluirá actividades para todos os públicos e gustos e para todos os días: actos litúrxicos, procesións, exposicións, visitas guiadas, excursións, a segunda edición do ciclo de músicas relixiosas e da Ilustración “Espiritualidade e razón” ou a celebración do XIV Salón do Cabalo de Ferrol-Equiocio, que terá lugar do 20 ao 24 de abril no recinto feiral de Punta Arnela. Todas estas, propostas que convertirán a Ferrol “no lugar máis relevante de Galicia durante a Semana Santa, que lle permite ter unha maior proxección”, subliñou o alcalde, engandindo que “tivemos a intelixencia de ocupar un baleiro que ningunha das outras cidades de Galicia soubo ou quixo ocupar, acadando un punto de non retorno”.

A programación deste ano é, en palabras de Vicente Irisarri, “moi atractiva”, con propostas de calidade que pretenden converter a Ferrol nestas datas nunha cita obrigada no Norte peninsular. De todas elas falou esta mañá o concelleiro Ramón Veloso, quen ao igual que o rexedor municipal, agradeceu a colaboración e traballo conxunto realizado cos sectores máis representativos da cidade na promoción da Semana Santa, declarada de Interese Turístico Nacional no ano 1995 e que aspira a acadar a declaración de Interese Turístico Internacional. Así pois, á Armada, hosteleiros, Coordenadora de Confrarías da Semana Santa, Equiocio, hoteleiros e, en definitiva, a toda a cidadanía, quixo facer chegar o seu agradecemento na organización desta programación, a cal se dará a coñecer non só en Ferrol e no resto de Galicia senón tamén en diferentes puntos da xeografía española e mesmo de fóra, como Asturias, León, Madrid, País Vasco -nestes lugares fíxose publicidade a través de Internet- ou Portugal. Para iso, editáronse inicialmente 20.000 guías con toda a oferta de ocio e relixiosa e instaláronse vallas publicitarias e mupis. Tamén se elaboraron spots publicitarios para emitiar na TVG e medios locais co fin de “dar a coñecer fóra a mellor Semana Santa do norte de Galicia”, afirmou Ramón Veloso.

Ademais das procesións relixiosas que arrancarán este Domingo de Ramos e finalizarán o 24 de abril, Domingo de Resurreción, a cidade acollerá unha gran diversidade de actividades, que rematarán coa romaría de Chamorro. “O máis importante a destacar son os actos litúrxicos que engloban outras actividades para o conxunto da cidadanía, que a vive dunha maneira importante”, destacou o edil Ramón Veloso, incidindo no “traballo en conxunto de todos os sectores implicados na organización da Semana Santa, que contribúen a crear esa autoestima importante de cidade”. “A Semana Santa é o evento máis relevante que hai na cidade, por iso non podemos deixala de lado”, puntualizou, antes de referirse ás actividadese programadas. Entre estas, a celebración, por segundo ano consecutivo, do Ciclo de Músicas Relixiodas da Ilustración Espiritualidade e Razón, que se celebrará os días 17, 20, 22 e 24 de abril na concatedral de San Xiao, a Capela do Orde Terceira, a Capela do Torrente Ballester e a Capela das Angustias. “A nosa idea é ir mellorando este ciclo e consolidalo no tempo”, destacou o edil de Promoción Turística lembrando o grande éxito obtido o pasado ano.

Equiocio, que nesta edición cumple 20 anos e se desenvolverá  do 20 ao 24 de abril, completa a oferta da Semana Santa á que se suman as visitas guiadas organizadas polo Concello de Ferrol a diferentes puntos emblemáticos da cidade como o Arsenal Militar (a pé) ou os paseos en lancha pola ría (“Ferrol desde o mar”) para ver de preto os castelos ou a entrada da ría. Tamén será posible participar nunha visita guiada por Ferrol no tren turístico con diversas paradas para visitar as confrarías de Semana Santa (as de Dores, As Angustias e A Merced) e coñecer polo miúdo o traballo que desenvolven e o Cuartel de Dolores, “unha xoia da nosa cidade que aspira a formar parte do Patrimonio da Humanidade”, subliñou Veloso. Entre as paradas, o Arsenal Militar, que se poderá ver desde o exterior, ou a concatedral de San Xiao.

Así mesmo, haberá dúas excursións importantes que terán como destiño San Andrés de Teixido, desde onde haberá a posibilidade de trasladarse ata Cedeira ou Ortigueira. Un ano máis, a programación inclúe visitas teatralizadas ao Castelo de San Felipe, nas que se explicará a historia da fortaleza “con axuda das pantasmas do século XVIII que o habitan e as súas armas de avancarga”. A estas propostas súmanse as visitas a Exponav, ás exposicións do Centro Torrente Ballester, ao Museo Naval ou aos espectáculos do Teatro Jofre, entre outras. “En definitiva, haberá moito que facer”, afirmou Ramón Veloso, animando á cidadanía “a desfrutar apaixoadamente da Semana Santa”.

Pola súa banda, o vicepresidente da Coordinadora de Confrarías da Semana Santa, José Hevia, agradeceu ao Concello de Ferrol “o seu decidio apoio á Semana Santa” e convidou a todo o pobo de Ferrol “a desfrutar deste acontecemento”. Confiou así mesmo en que “continúe nesta liña e se continúa potenciando”.

Finalmente, o alcalde de Ferrol, Vicente Irisarri, agradeceu a “enorme xenerosidade e traballo” das Confrarías da Semana Santa así como do resto de sectores implicados na mesma que contribuirán a “facer de Ferrol unha cidade moi atractiva”. Así mesmo, aproveitou o acto de presentación desta mañá para facer un chamamento ao comercio local “para que abra nestas datas”. E ao fío disto, avanzou que o Concello está a traballar para mellorar e facilitar o acceso á cidade e peatonalizar un maior número de rúas, facilitar a instalación de terrazas ou habilitar novas prazas de aparcamento na avenida do Rei.

Sociedade