Primeiro parque biosaudable destinado aos maiores

Primeiro parque biosaudable destinado aos maiores

07 de Marzo, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O alcalde de Ferrol, Vicente Irisarri, inaugurou esta mañá en Caranza, o primeiro parque municipal biosaudable especialmente deseñado para as persoas maiores. O parque, ubicado na rúa Papa Pío V, cunha superficie de 60 m2, conta con elementos específicos destinados á realización de exercicios lixeiros fronte aos outros cinco parques biosaudables cos que xa conta a cidade para a mellora da coordinación e da mobilidade.

A súa ubicación en Pío V responde ás características propias desta zona do barrio de Caranza, un dos máis habitados da cidade e cunha alta porcentaxe de persoas maiores. Ademais está situado moi cerca do Centro de Día que unha vez rematado, converterase nun importante referente para os potenciais usuarios do novo parque.  

O novo espazo de lecer dispón dun equipamento formado por elementos deportivos compactos que inciden no desenvolvemento do sentido do equilibrio e a habilidade motriz. A súa estructura permite desenvolver con absoluta seguridade a práctica dos exercicios, reforzada pola instalación de solo de caucho na área acotada para tal fin. 

Irisarri, salientou a función social que cumprirá este novo parque, “xa que ademais de favorecer un mellor estado físico entre os maiores pretende ser un punto de encontro para previr o illamento e a soidade que moitas veces padece este colectivo”.

Sociedade