Procesión, xantar e baile

Procesión, xantar e baile
11 de Xullo, 2023 - 12:09 h. | Publicada por Radio Fene

O actual edificio do Xulgado de Fene é unha das sedes que tivo a Casa do Concello. As corporacións municipais de Fene pasaron moitas peripecias ata dispor dun edificio estable como o actual. Contóunolas Estefanía Purriños, a responsable da Oficina Municipal de Turismo, que fixo un gran labor de investigación coa axuda do persoal do Arquivo Municipal



 

ESCOITA O PODCAST:

Procesión, acto oficial, xantar e ata un baile no salón de sesións celebráronse para inaugurar a Casa do Concello en 1882. Pero as alegrías duraron pouco. O edificio levantouse nunha esquina en pendente que recollía as escorrentías e iso acabou por arruinar o edificio. “Pasados menos de vinte anos foi declarado en estado ruinoso, tiveron que buscar nova sede e comezou unha peregrinación que é digna de relatar” por casas de alugueiro ata a construción do novo edificio. Esa nova sede inaugurouse o 18 de xaneiro de 1940, na mesma ubicación, onde hoxe está o Xulgado de paz. Son os primeiros anos da posguerra, así que na inauguración “non hai tanta festa, é máis austera”, relata Estefanía Purriños. Dez días despois da inauguración, o 28 de xaneiro, celebrouse a primeira sesión plenaria no edificio singular que hoxe coñecemos, de estilo rexionalista, que ten unha balaustrada de formigón no primeiro andar, porta de acceso con arco de medio punto e no que destacan os forxados das vigas e a armazón de madeira que se conserva daquela época. Alí permaneceron as dependencias municipais ata que nas últimas décadas do século XX se construíu a nova Casa do Concello.

Institucional

Publica o teu comentario agora