Proxecto piloto para os polimedicados

Proxecto piloto para os polimedicados

22 de Xuño, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

A Área Sanitaria de Ferrol xa ten en marcha o Programa de Mellora da Calidade na atención a pacientes crónicos e polimedicados en Galicia, que se activa en 11 centros de Galicia, de xeito piloto. Na Área Ferrolá, son as e os profesionais do Centro de Saúde de Serantes os que están a centrar o seu esforzo no obxectivo deste programa, que é mellorar a calidade asistencial e a prestación farmacéutica ós pacientes crónicos

Nunha primeira fase deste programa, estase a facer seguimento daqueles enfermos que teñen prescritos na súa historia clínica electrónica 15 ou máis medicamentos, de forma crónica, e durante máis de seis meses. Na Área Sanitaria, estase a avaliar a preto de 50 pacientes. Conforme vaia avanzando o programa, iranse revisando pacientes con menor número de medicamentos, ata chegar ós que consumen seis medicamentos.

O programa permitirá detectar e resolver posibles problemas relacionados co uso dos medicamentos; mellorar o cumprimento terapéutico dos pacientes crónicos polimedicados; e, ademais, incrementarase o coñecemento dos usuarios respecto do uso e indicacións dos medicamentos.

Ó aumento da factura farmacéutica de xeito directo por mor dun consumo ou autoconsumo elevado de medicamentos, engádense, de xeito indirecto, os custes sanitarios polos problemas de saúde que xera o seu mal uso. Está constatado que esta polimedicación é un factor que se asocia a un maior número de hospitalizacións, visitas de enfermería a domicilio, fracturas, problemas de mobilidade, malnutrición ou mortalidade.

Sociedade